DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este ano repartíronse entre as persoas gañadoras 8800 euros

Vangarda, creatividade e inspiración nos 18º Premios de creación artística

Nas categorías de pintura, fotografía, maquetas musicais e creación audiovisual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cine
  • Cultura
  • Premios
  • Estudantes
María Álvarez DUVI 16/12/2021

Vangarda, creatividade e inspiración son o denominador común das obras galardoadas na última edición dos Premios de creación artística da Universidade de Vigo, galardóns que este 2021 acadaron xa a súa 18 edición. Cada unha delas trata de pór a atención sobre parte das problemáticas que máis preocupan á sociedade na actualidade. Dende expresar o desexo de “comunicarse e conectar co outro”, pasando pola apelación ao público para que se pregunte, en relación coa teoría de xénero, se é “necesario o pensamento binario”, ata a reivindicación da lingua galega. Todas estas propostas forman parte dos traballos premiados, aqueles que o xurado de  cada unha das categorías considerou que merecían un recoñecemento pola súa calidade e orixinalidade. Entre as súas autoras e autores repartíronse un total de 8800 euros.

A artesanía vence na categoría de pintura

Na categoría de pintura a vencedora foi Blanca Nieves Lourés, estudante do Programa de Doutoramento en Arte Contemporáneo, gañadora tamén no 2018 dunha das Becas Novos Valores da Deputación de Pontevedra. Acadou o primeiro posto con Saudade, unha composición melancólica que “pretende expresar o desexo por comunicarse, por conectar co outro, algo que ás veces resulta imposible”. Na súa obra emprega unha técnica innovadora na que, despois de cortar lenzos da súa propia autoría e diferentes teas, teceu as tiras e formas máis interesantes “para crear despois unha nova imaxe”. O proxecto baséase na reivindicación da “artesanía como forma de creación contemporánea” e no “concepto de superficie” empregado por artistas e investigadoras da talla de Elena del Rivero, El Anatsui e Magdalena Abakamowicz, que como afirma Lourés, “foron unha grande inspiración no proceso creativo”.

A preocupación social como fío condutor da categoría fotográfica 

O alumno de último curso do Grao en Belas Artes, Abraham Alonso, gañou na categoría de series fotográficas cunha proposta vertebrada en torno á temática de xénero, “un tema candente na sociedade de hoxe en día” e faino intentando provocar a reflexión, “xa que cada un é libre de pensar e sentirse coma realmente precise”. A súa intención é que o público se pregunte “se é necesario un pensamento binario” xa que o autor entende que “a sociedade debe situarse nun pensamento máis humano, desestimando a necesidade de catalogar todo aquilo que observamos”. Ademais a serie fotográfica que presenta Alonso deixa a un lado as novas tecnoloxías para recuperar as cámaras analóxicas, o que lle suma unha maior dificultade ao proceso de elaboración da serie. Dende o seu punto de vista, o máis complicado foi “conseguir que todos os corpos mantiveran a mesma tonalidade no proceso de revelado” e evitar, así, ter que repetir as sesións.

Por outra banda, Irene Vieito, que finalizou este ano o Grao en Comunicación Audiovisual, presentou Perdéndome, unha fotografía coa que gañou na modalidade de fotografía única. A idea subxacente a esta peza artística xurdiu nos días de confinamento co desexo, como di a autora, de “darlles forma ás emocións e ideas que máis me preocupaban, como a saúde mental”. Así, Vieito, tenta dar voz a eses “momentos nos que nos esquecemos de nós mesmos por cumprir co que é esperado de cada individuo pola sociedade”. A autora afirma que “ninguén debería esquecerse de si mesmo” e, precisamente por iso, tentou darlle a importancia que merecen temas coma este, “a pesar de que os trate sempre dende unha perspectiva moi persoal”.

Pretérito Imperfecto vence na categoría de maquetas musicais

Nativos Superfluos, composto por dous estudantes de 2º ano do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Natalia Oubiña e Francisco Alfaro, acadou o primeiro posto na categoría de maquetas musicais con Pretérito Imperfecto. Unha maqueta coa que, como afirma Oubiña, se pretende “falar da vida, do percorrido que facemos, cos seus pros e os seus contras, facendo fincapé en que o pasado é o que nos fai quen somos hoxe”. Tamén engade que o xénero no que se insire a súa proposta son as “músicas do mundo”, pois contén dende cancións “en galego cun ritmo moi reggea”, outras que lembran aos corridos mexicanos, e ata pezas en “portugués cun ritmo máis pop”.

A súa maqueta pretende reivindicar o uso do galego, pois como di Oubiña, vencedora xa de varios premios de literatura e música, “a minorización da nosa lingua e a colonización da mesma pola lingua maioritaria do Estado fai que social e politicamente estea en horas moi baixas e non goce da mellor saúde”. Non obstante, a pesares disto, síntese moi afortunada porque “as artes en galego se seguen a valorar e tamén porque existe unha gran riqueza e nivel neste eido”. 

Un fío argumental sen gretas conquista a categoría de creación audiovisual 

No caso dos premios en creación audiovisual, Martín Blanco, alumno do Dobre Grao en Enxeñería Electrónica, Industrial e Automática e Enxeñería Mecánica, fíxose co primeiro premio na modalidade de animación coa súa curta The Hollow, unha peza audiovisual coa que, como el mesmo afirma, “poder darlle forma a esas historias que inventaba cando era un cativo e xogaba cos meus bonecos”. O obxectivo principal da súa curta, máis aló de agochar unha ensinanza, foi o de entreter ao público cun fío argumental sen gretas, xa que, como explica Blanco, o último que pretendía era “dar leccións morais coma ocorre na maioría das obras cinematográficas”. Para el esta curtametraxe supón “o cumio dun intenso traballo de dez meses e a superación de moitos obstáculos”, de feito compara o proceso de produción facendo unha analoxía co seu eido de formación, entendendo a súa curta “coma un obxecto en repouso que se quere desprazar e cuxa forza de fricción é maior ao principio, mais unha vez esta forza é superada, é moi difícil frear a ese obxecto”. 

Dentro da categoría de creación audiovisual, tamén se galardoou a Denise Santos Vaccarello pola súa curta Time fosils: Iceland, coa que logrou impoñerse na modalidade de vídeo experimental. Nas modalidades de curta narrativa e documental o premio quedou deserto.