DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da Campaña de Conducción Eficiente da Axencia da Enerxía de Vigo

Varios universitarios coñeceron as vantaxes da conducción económica

É máis comfortable, diminúe os contaminantes e aforra combustible

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 27/09/2007
Facer un uso máis racional do vehículo, reducir a contaminación e aforrar custes son os obxectivos co que hoxe chegou a Ourense a Campaña de Conducción Eficiente.
Unha iniciativa impulsada pola Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo, Faimevi, co fin de promover mudas nas actitudes dos usuarios ao volante, a prol dunha conducción máis económica e segura.
Na quenda de hoxe, varios universitarios comprobaron in situ as vantaxes deste tipo de conducción grazas aos consellos impartidos polo licenciado en Bioloxía, Damián Cuadrado.
Iniciada ás 9:00 horas cunha práctica na que os participantes levaron o vehículo ao seu ritmo, a sesión continuou cunhas explicacións teóricas.
Optar polas marchas longas, renegar do punto morto ou facer o cambio cando o vehículo estea entre as 2.000 e as 2.500 voltas nos motores de gasolina, e entre as 1.500 e as 2.000 nos diésel, foron algúns dos consellos emitidos polo monitor. “Aplicando estas técnicas, unha persoa que faga 15.000 quilómetros ao ano, pode aforrar ata 180 euros, o que é bastante dado o prezo da gasolina e do diesel”, afirmou Damián.
Mais a reducción dos custes non é o único aspecto positivo, senón que a conducción económica tamén supón unha importante reducción da contaminación atmosférica, “o 29% das emisións de CO2 do país provén do sector transporte”; e da acústica. “Un coche que vaia a 4.000 revolucións por minuto fai tanto ruído como 32 vehículos a 2.000”, exemplificou Damián.

Efecto

Ao remate da parte teórica os participantes volveron facer o mesmo percorrido aplicando os coñecementos adquiridos previamente. O cambio, resultou importante.
“Na primeira pasada comezaron facendo unha media de 14 litros/100Km, mais na segunda xa baixaron ata 9 ou 8 litros”. E iso, que os propios estudantes aseguraban que xa conducían dun xeito eficiente. “Sorpréndense moito cando lles digo que metan quinta a 50 Km/h”.
Segundo Damián, o gran problema é que temos moi arraigados conceptos e formas de conducir moi arcaicas, “de cando a gasolina non custaba e os vehículos eran auténticos ferros”.
Algúns exemplos son accións como pegar un acelerón ao arrancar, ou quentar o vehículo uns minutos antes de saír.

Consellos

Apagar o motor cando levamos varios minutos parados, tentar facer os percorridos habituais con marchas longas e evitar levar todas as ventás baixadas, foron outros dos consellos dictados polo monitor. En canto ao efecto da campaña, Damián considera que é positivo, mais o que lle molesta é o incentivo principal, “que o fagan por aforrar cartos no combustible e non por mellorar a calidade do medio natural”. De feito, segundo o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) se todos os usuario aplicasen estas técnicas o aforro alcanzado permitiría plantar 48 millóns de árbores, o que suporía o 20% da superficie da provincia de Pontevedra, ou circular gratis a 2,6 millóns de automóbiles en España.