DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura dun acordo de colaboración coa Aula Castelao para a súa XXXVI edición

A Vicerreitoría reafirma a súa colaboración coa Semana Galega da Filosofía

Baixo o título de ‘Filosofía e fronteira’, celebrarase do 22 ao 26 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Pontevedra 07/02/2019

Desde 1996, a Universidade de Vigo e a Aula Castelao de Filosofía manteñen un acordo marco de colaboración co que a institución académica vén apoiando á organización da Semana Galega de Filosofía. Co propósito de continuar nesta liña de colaboración, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a presidenta da Aula Castelao, Ana Regueira, asinaron este xoves o anexo a este acordo marco que fixa a colaboración de institución académica coa edición número 36 dun evento que se desenvolverá entre o 22 e o 26 de abril co concepto de fronteira como eixo temático.

“Como Universidade non podemos facer outra cousa que apoiar este tipo de eventos”, centrados na “cultura, o coñecemento e a capacidade de formar capacidade crítica, que nunca como hoxe foi tan importante para desenvolver a capacidade das persoas”, sinalou Soto trala sinatura deste acordo de colaboración, no que figura, tamén a organización, por parte da Aula Castelao, de dúas conferencias no campus de Pontevedra. 

Filosofía e fronteira

No marco dunha xuntanza, na sede da Vicerreitoría, na que participaron tamén o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, o vicepresidente da Aula Castelao de Filosofía, Óscar Rodríguez, e a vogal da aula e profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña, Soto subliñou así mesmo a “importante traxectoria” da Aula Castelao de Filosofía, así como o interesante dun evento que contribúe tamén á “transmisión doutras formas de entender o mundo” e que conta cada ano cun “elenco importantísimo de invitados que van transmitir en Pontevedra moitas ideas interesantes para o debate”.

“Temos que estar moi agradecidos á Universidade de Vigo, que sempre apoiou á Aula Castelao de Filosofía e a organización da semana”, engadiu Regueira, que incidiu en que ambas institucións “traballamos polo mesmo, que e a busca do coñecemento, a educación e a transmisión dese coñecemento”. Nese senso, puxo en relevo o positivo de contar un ano máis co apoio “tanto económico como de infraestruturas” da Universidade nunha edición que leva como título Filosofía e fronteira. “Pareceunos que dada a situación actual trátase dun tema que é importante analizar”, engadiu Regueira dun eixo temático que permitirá nese senso, reflexionar sobre cuestións como crises migratorias ou diferentes situacións de conflito.