DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Vidas entre lusco e fusco’, do grupo Ardora, poderá verse o venres 17 no Teatro Principal

A Vicerreitoría súmase á conmemoración da Semana da Pobreza Enerxética cunha obra de teatro

Con entrada libre ata completar a capacidade da sala

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/02/2023

Co obxectivo de pór o foco nunha problemática que se viu agravada nos últimos meses, a incapacidade dos fogares para facer fronte aos custos da enerxía que precisan para as súas necesidades básicas, do 17 ao 23 de febreiro conmemorase á Semana Europea da Pobreza Enerxética, á que Vicerreitoría do campus súmase por primeira vez coa programación dun espectáculo teatral. Trátase da obra Vidas entre lusco e fusco, do grupo de teatro Ardora, unha montaxe que, a través das historias dos seus personaxes, propón un achegamento á precariedade e á pobreza desde diferentes perspectivas e que poderá verse o vindeiro venres 17 no Teatro Principal. 

“Queríamos achegar o noso gran de area á concienciación da cidadanía e esta obra encaixa perfectamente nesa idea”, sinala o director de area adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres. Programada para as 20.30 horas e con entrada libre ata completar a capacidade da sala, esta actividade permitirá coñecer unha obra escrita por Rosa E. Gantes e dirixida por Silda Alfaro, representada por un elenco conformado por 16 integrantes deste grupo de teatro amador. Constituído o pasado outono por unha serie de participantes nas diferentes actividades da Escola de Teatro de Cangas, Ardora presentará en Pontevedra unha obra na que, como recolle o seu texto de presentación, as vidas dos diferentes personaxes “entrecrúzanse unhas cun outras, obrigándoas a compartir realidades que nunca quixeron ver”. Deste xeito, a montaxe, sinalan, busca promover unha reflexión “sobre o que acontece cando as circunstancias e cambios vitais lévannos alén das nosas propias fronteiras individuais e colectivas”. 

Primeira participación nesta semana conmemorativa

Respondendo ao chamamento efectuado pola Asociación de Ciencias Ambientales (ACA) a que institucións e entidades impulsasen accións, eventos ou campañas con motivo desta Semana Europea da Pobreza Enerxética, a Vicerreitoría do campus súmase por primeira vez a esta iniciativa co obxectivo de contribuír á sensibilización da cidadanía e a “dar visibilidade a unha problemática que se viu agravada nos últimos anos coa suba dos prezos da enerxía”, como lembra Torres. Tanto resaltar a importancia desta problemática, como pór o foco na responsabilidade das administracións neste eido e fomentar o debate entre os diferentes axentes e a cidadanía son, como sinala a ACA, os obxectivos centrais desta semana, que lembra unha vaga de frío que asolou Europa en febreiro de 1956. Neste punto, Torres subliña a necesidade de iniciativas que poñan de relevo o que implica a pobreza enerxética e os “tres factores” que a determinan, “ingresos insuficientes, elevados prezos da enerxía e niveis deficientes de eficiencia enerxética das vivendas”, o que provoca “que as familias teñan que dedicar unha gran cantidade de recursos a afrontar esa pobreza enerxética, desatendendo outras necesidades básicas”. Nese senso, o director de área recoñece que está é unha iniciativa á que o campus se suma por primeira vez “e coa que queremos continuar”, xa que, lembra, un dos apartados da declaración ambiental do campus de Pontevedra, aprobada en 2015, é "a redución da contaminación e a mellora da eficiencia enerxética nos edificios e instalacións universitarias”.