DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras anos de investigación do profesor Xulio Prada e o Obradoiro de Historia de Galicia

As víctimas da represión franquista poderán xustificar o dereito á indemnización

A través dunha base de datos colgada na páxina da Deputación de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
María Boullosa DUVI 28/09/2007

Setenta anos despois as familias dos represaliados de Ourense poderán volver atrás no tempo para atopar respostas. E todo grazas ao traballo desenvolvido polos profesores do Obradoiro de Historia de Galicia da Facultade de Historia que, impulsados pola tese doutoral do profesor Xulio Prada, analizaron e investigaron múltiples fontes documentais co fin de ofrecer á cidadanía un servizo de identificación e localización interactivo.
Co apoio da Deputación Provincial de Ourense, agora calquera fillo, neto ou coñecido dalgunha víctima da represión franquista poderá acceder na rede á base de datos confeccionada polo equipo. Situada na website http://www.depourense.es/represion, ofrece dende onte toda a documentación existente sobre un total de 665 executados, 191 cadáveres enterrados no cemiterio da cidade, 3.574 encarcerados, 2.388 persoas encausadas polos tribunais de guerra ourensáns, e 522 asasinados paralegalmente , “os paseados”.
“Cando a Deputación tivo coñecemento do nosa labor, pediunos que puxéramos á disposición da sociedade ourensá toda esa información que se movía no eido académico”, explicou Prada. Por esta petición e polas diversas que adoitaban recibir cada mes dende a cidadanía, “aceptamos o reto”.
Para coñecer os procesos, delictos, resolucións e o lugar de soterramento, os usuarios só terán que introducir no buscador o nome e alomenos un apelido da persoa na que teñen interese. A partir de aí, só depende de se quedou constancia documental ou non.
En canto ao método de recompilación, consistiu no entrecruzamento de catro fontes documentais: os procesos incoados pola xurisdicción de guerra, os rexistros de reclusos, os libros do cemiterio municipal de Ourense e os Rexistros Civís dos diferentes xulgados municipais.

Segunda fase

Inda que o proxecto orixinal abrangue o período entre 1936 e 1945, polo momento só están dispoñibles os datos comprendidos entre xullo de 1936 e decembro de 1940. É o que equipo denomina como a primeira fase, “centrada en feitos presuntamente delictivos realizados durante a Guerra Civil”, especificou Prada.
Xa colgada na rede, a investigación ten o propósito de continuar ata finais do ano que ven coa segunda fase, a análise dos casos acometidos entre 1941 e o momento no que o Réxime decidiu baleirar as cárceres dos presos da Guerra Civil, o indulto xeral do 1 de outubro de 1945. “Nesta etapa a maioría dos encausados foron por participar nas actividades de auxilio á guerrilla: propaganda política, levar comida aos montes...É un perfil distinto”.
De cara ao futuro, a partir do 2.008, os obxectivos trasladaranse a continuar a mesma labor seguindo a liña do tempo, “ata chegar aos anos 50”, adiantou Prada.

Evolución

A orixe do traballo remóntase once anos atrás, cando o profesor Xulio Prada comezou a súa tese doutoral sobre a represión en Ourense ata 1939. “Estiven oito anos recorrendo en solitario todos os rexistros, archivos militares...nun momento onde ninguén investigaba esa temática”. Ao seu remate os seus compañeiros de obradoiro decidiron aumentar os contidos da súa investigación, sumando ás víctimas da represión física aquelas que foron encarceradas.
Mais a utilidade da base de datos non se limita á sabedoría do paradoiro ou do delicto, senón que se estende ao propio beneficio do usuario. “Agora coa aplicación da Lei de Memoria Histórica, isto pode resultar fundamental xa que permitirá aos descendentes saber o arquivo exacto onde se atopa a información do represaliado; co que poderá xustificar o seu dereito á indemnización”, asegurou Prada.