DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus xa ten en marcha a programación deste cuadrimestre

Para unha vida máis saudable, actividades dirixidas e escolas deportivas

O seu desenvolvemento está condicionado pola situación sanitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 06/10/2020

O campus de Ourense, a través da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, xa ten en marcha as actividades deportivas para o curso 2020/2021. Actividades dirixidas e escolas deportivas deste cuadrimestre arrancan a súa programación “co ánimo de fomentar, entre a comunidade universitaria e o resto da cidadanía, a práctica da actividade física como un dos pilares dos hábitos de vida saudables que máis contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas”, segundo explican desde a área organizadora.

Concretamente, o día 1 outubro abriuse o período de inscrición nos programas de actividades dirixidas e escolas deportivas. Estes programas, apuntan os seus responsables no campus, inclúen modalidades como adestramento persoal, body pump, zumba, ioga, ciclo indoor, functional training, voleibol, rugby, fútbol gaélico, tenis e xadrez, entre outras opcións. Impartidas todas elas nas instalacións do campus de Ourense, moitas destas actividades, indican desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte, están incluídas no Abono MuVer, que permite o uso dun amplo abano de instalacións e ofrece vantaxes para practicar deporte nos tres campus da UVigo, existindo distintas tarifas segundo a duración elixida e a persoa que o solicita. Esta oferta deportiva únese á xa dispoñible no campus, pois no mes de xullo púxose a disposición das e dos usuarios a pista atletismo e as pistas de tenis e a inicios de setembro incorporouse o uso da sala de cardio-fitness.

Adaptación á situación sanitaria

Estas actividades e escolas comezaron a impartirse este luns, 5 de outubro, con prazas limitadas e condicións de desenvolvemento adaptados aos requirimentos da situación sanitaria provocada pola covid-19, sendo necesario para poder acceder a elas facer unha reserva previa a través do programa campusactivo.uvigo.gal. Contemplando as medidas preventivas e de hixiene correspondentes e seguindo as obrigas e recomendacións pertinentes, indican desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte en Ourense, o obxectivo é continuar fomentando a práctica da actividade física nun ambiente o máis confortable e seguro posible.

Ademais desta programación, desde a área organizadora lembran como os membros da comunidade universitaria poden beneficiarse de descontos en diferentes ximnasios da cidade de Ourense (como Dinamic Center, Ximnasio 2000, Marbel, Padel Prix, Sabrosura ou Saraiba) ao abeiro dos diferentes convenios asinados entre estas entidades e a Universidade de Vigo. Outro espazo que completa esta oferta deportiva, engaden, é a piscina universitaria Aqa Ourense, que ofrece ademais das programación de auga diferetes actividades con tarifas especiais para a comunidade universitaria.