DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvido polo grupo ComTecArt dentro da conmemoración do 850 aniversario do foro da cidade

Un videoxogo ideado na Universidade guiará á cidadanía nun percorrido pola Pontevedra medieval

Deseñaron tamén unha recreación con realidade aumentada da ponte do Burgo para unha exposición 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • TIC
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 17/12/2019

Un videoxogo que guiará á cidadanía nun percorrido pola Pontevedra medieval e no que terán que ir atopando, mentres camiñan pola parte antiga da cidade, unha serie de elementos para tratar de resolver un enigma final. Niso consiste Ponte Veteri, o xogo desenvolvido polo grupo de innovación docente ComTecArt, que integran docentes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, no marco das accións impulsadas polo Concello de Pontevedra con motivo do 850 aniversario do foro da cidade. Xunto a este xogo, o grupo traballou tamén no deseño dunha unidade didáctica para escolares e nunha aplicación que engadirá contidos de realidade virtual á exposición O segredo da ponte do Burgo, que se inaugura este xoves ás 18.30 horas no Pazo da Cultura.

Esta serie de iniciativas foron presentadas este martes polo concelleiro de Patrimonio, Xaquín Moreda, xunto aos integrantes do grupo ComTecArt Beatriz Legerén e Antonio Pena e a directora artística do xogo, Olaia Ferrando. Inseridas no 850 aniversario da sinatura, en 1169, por parte do rei Fernando II do foro “que marcou o nacemento de Pontevedra como cidade”, estas actividades súmanse a outra serie de propostas promovidas polo Concello nos últimos meses e responden a unha aposta por aplicar á historiografía “formatos e linguaxes do noso tempo”, sinalou Moreda. 

Percorrendo a Pontevedra medieval con Lorichol

No marco desta colaboración entre a Concellería de Patrimonio e ComTecArt, o grupo responsable dunha iniciativa na que estudantes de CCSS e da Comunicación e da EE de Telecomunicación traballan conxuntamente no deseño de videoxogos, unha das propostas a desenvolver era a de sumar “un pequeno complemento tecnolóxico” a unha ruta pola parte medieval da cidade. Mais, como explicou Pena, investigador de atlanTTic, “conforme comezamos a documentarnos, vimos que había moito material”, polo que optaron finalmente por asociar unha trama a este percorrido, de tal xeito que “o que ía ser un roteiro gamificado pasou a ser un videoxogo”, en cuxo desenvolvemento participaron ex-alumnos de CCSS e da Comunicación, da EE de Telecomunicación e da Facultade de Belas Artes. 

Á aplicación, que leva o nome dado á cidade no documento do foro e que estará dispoñible nas próximas semanas, levará aos xogadores e xogadoras a percorrer, partindo da ponte do Burgo, unha parte da zona antiga da cidade. “Terán que ir camiñando por Pontevedra para poder ir activando elementos e en cada un deles iranse atopando con minixogos, ata chegar a un enigma final que hai que resolver”, relatou Pena. Os impulsores desta iniciativa decidiron centrar o xogo nas seis “confrarías máis destacadas naquela época", que constituían entón “elementos de cambio na cidade medieval” e como “mestre de cerimonias que fose guiando ao xogador”, crearon o personaxe de Lorichol, o médico da peste. “Necesitabamos un narrador e queríamos coller algo moi identificador de Pontevedra”, salientou Ferrando respecto da personaxe central dun xogo que proporciona “información sobre a historia” da cidade e que é “case tamén unha app turística”, xa que obriga a facer o percorrido para xogar, aínda que aqueles que realicen unha parte poderán rematar o xogo posteriormente.

A ponte do Burgo con realidade aumentada

Xunto a este xogo, o grupo ComTecArt desenvolveu unha aplicación con realidade aumentada que permitirá “visitar dunha maneira diferente” a exposición O segredo da ponte do Burgo, que permanecerá no Pazo da Cultura entre este xoves 19 e o 2 de febreiro. Aos diferentes paneis que integran a exposición previa sobre esta infraestrutura súmanse agora as tres propostas desenvolvidas polo grupo ComTecArt. Concretamente, deseñouse un xogo de preguntas baseadas nos paneis da mostra xunto con dúas propostas baseadas no uso da realidade aumentada, coas que “ó móbil recrea unha serie de obxectos virtuais observando a propia realidade”, explicou Pena. Trátase por unha banda dun “xogo de construción” e, por outra, dunha recreación con realidade aumentada da ponte do Burgo no século XVII, partindo do cadro realizado por Pier María Baldi. 

Xunto a estas dúas iniciativas, deseñouse tamén unha unidade didáctica para centros educativos, vinculada ao propio videoxogo, “na que se vai presentar Pontevedra como reflexo de cidade na Idade Media” e na que se abordará a historia do foro e da Ponte do Burgo, así como Camiño de Santiago neste período histórico. A guía, explicou Legerén, trasladarase aos centros educativos da cidade e está principalmente dirixida ao alumnado de primaria.