DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Universidade de Vigo, celebrarase no Marco do 23 ao 25 de maio

Vigo acollerá a próxima semana o IV Simposio Internacional sobre Oxidación Lipídica e Antioxidantes

Este proceso químico é unha das principais causas do deterioro dos alimentos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
M. Del Río DUVI 18/05/2022

En xuño de 2020, a organización do 3nd International Symposium on Lipid Oxidation agardaba que arredor de 200 científicos e científicas de todo o mundo acudiran a Vigo para avanzar no coñecemento da oxidación lipídica, unha das principais causas do deterioro dos alimentos xunto coa acción dos microorganismos. Pero como sucedeu con outros moitos eventos, a pandemia levouse por diante a celebración deste congreso que, agora, dous anos despois, se vai retomar. Xa non será a terceira edición, xa que en 2021 tivo lugar un simposio en liña, pero o resto da programación prevista para 2020 recupérase para esta nova cita, que terá lugar entre os días 23 e 25 de maio no museo Marco. 

Á fronte do comité organizador deste congreso está o catedrático Carlos Bravo, do Departamento de Química Física, que explica que esta edición será totalmente presencial, aínda que recoñece que a guerra de Ucraína “é un enorme contratempo” que esperan superar porque “llo debemos ao colegas ucraínos e rusos que mostraron o seu interese por vir a discutir de ciencia e que -moi probablemente- non o poidan facer agora”. De feito, o número de asistentes agardan que sexa menor ao previsto en 2020, que estaba entre os 150 e 200, “pero temos un número moi significativo de xente que amosou o seu interese en presentar comunicacións orais, investigadores de todos os continentes, polo que somos optimistas en canto ao número final” e incluso haberá representación de Malaisia. 

A oxidación lipídica, detrás da degradación dos alimentos e do envellecemento 

A oxidación lipídica é unha reacción química de natureza radicalaria que ten como consecuencia principal a formación de radicais libres, pero a importancia do seu estudo débese a que que é unha das principais causas do deterioro dos alimentos e tamén do envellecemento. Dende o punto de vista alimentario, explica Carlos Bravo, “a oxidación lipídica provoca grandes perdas económicas pola degradación organoléptica dos alimentos e polos problemas de salubridade asociados, xa que provoca o desenvolvemento de sabores estraños e vai acompañada da perda de nutrientes e outras moléculas bioactivas e, eventualmente, dá lugar á formación de compostos tóxicos”. Por outra banda, estes radicais libres teñen un efecto directo sobre o envellecemento e a aparición dalgunhas enfermidades neurodexenerativas.
O principal reto ao que se enfronta a comunidade científica que traballa neste campo é, apunta Bravo, “coñecer como podemos controlar esta reacción tan perniciosa tanto para a saúde humana como para dispoñibilidade de alimentos saudables”. Explica que esta reacción prodúcese principalmente pola presenza de osíxeno tanto a nivel celular como no ambiente, “o osíxeno é unha substancia necesaria para o mantemento da vida pero que, a súa vez, é perniciosa por tratarse dunha substancia de natureza radicalaria que dá lugar a procesos oxidativos radicalarios”. 

Para tratar de minimizar os efectos nocivos deste proceso químico, explica o catedrático, engádense antioxidantes ás diferentes formulacións, tanto por razóns prácticas como económicas. O obxectivo desta medida, ademais de controlar a oxidación lipídica, é “atender ás novas esixencias sociais, nutricionais e de saúde da poboación”, que son o motivo da aparición de alimentos funcionais e nutraceúticos, “alimentos que, ademais das súas funcións nutritivas xerais, presentan propiedades beneficiosas para a saúde humana”. De feito, este é, precisamente, un dos prinipais focos de atención para as e os investigadores que traballan neste campo.

Recuperar as proposta de congreso de 2020

O simposio recupera case integramente as temáticas, estrutura e relación e poñentes convidados previstos para 2020. Ao longo dos tres días abordaranse temas relacionados cos métodos de avaliación de antioxidantes e oxidación lipídica; a oxidación lipídica en sistemas multifásicos e complexos; a oxidación de proteínas e co-oxidación lipídica; os efectos nutricionais e fisiolóxicos e o control da oxidación lipídica, dende o deseño ata as fontes e aplicacións de antioxidantes vexetais e mariños.

Os relatores convidados serán Claire Berton Carabin, do INRA de Nantes; Santiago Aubourg, do Instituto de Investigacións Mariñas -CSIC de Vigo; Luciano Saso, da Universidade de La Sapienza de Roma; Mario Estévez, da Universidad de Extremadura; Carolina Aliaga, da Universidad de Santiago de Chile; Riccardo Amoratti, da Universidade de Bolonia e Grzegrorz Litwinlenko, da Universidade de Varsovia. 

Un dos primeiros congresos totalmente presenciais

Este cuarto Simposio Internacional sobre Oxidación Lipídica e Antioxidantes será unha dos primeiros congresos internacionais que se celebren en Vigo nunha modalidade totalmente presencial despois da pandemia e isto, como recoñece Bravo é “un reto organizativo”. Unha cita desta envergadura require unha planificación previa moi importantes, a meses vista, cando resulta case imposible “predicir as regulacións sanitarias que van estar vixentes nuns meses” ou os impacto que pode ter a guerra de Ucraína. Isto implica asumir riscos con provedores, que van dende a empresa que proporciona os paneis para as sesións de pósters, ata os hoteis ou o catering, “que nos están pedindo unhas certas garantías de que se vai celebrar”. Sen dúbida, asume, “tamén para eles é un reto poder volver acadar o nivel de confianza pre-pandémico que se tiña”.   

En todo caso, recoñece, “temos confianza nas vacinas e teremos que pedir á xente que empregue máscara e manteña certa separación, ... o verdadeiro reto vai estar en superar a psicose creada polo virus”.