DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tamén se celebraron os de fútbol sala feminino e tenis, pero sen postos destacados

Vigo faise coa prata no Campionato de España Universitario de bádminton e co bronce no de vela

Hoxe venres comeza a competición de loitas olímpicas en Murcia

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI 12/04/2019

Nestes días previa á Semana Santa o deporte universitario español está en plena actividade coa celebración de varios Campionatos de España, dos que a Universidade de Vigo regresa con dúas medallas. O mellor resultado foi o obtido por Manuel Brea, cunha prata no CEU de bádminton, xunto co bronce acadado polo equipo vigués no CEU de vela. Nestes últimos días tamén tiveron lugar os campionatos universitarios de fútbol sala feminino e tenis, nos que os equipos vigueses non tiveron tanta sorte. A partir de hoxe venres arranca tamén a cita coas loitas olímpicas en Los Alcáceres, Murcia.

Prata para Manu Brea

O equipo da Universidade de Vigo afrontaba o CEU de bádminton celebrado en Elche contando nas súas filas cun valor seguro, o número 6 do ránking absoluto do bádminton español, Manuel Brea, que non defraudou. O deportista da UVigo chegou á final pero nada puido facer ante o número 1 español na actualidade, Pablo Abián, da UCAM de Murcia, doce anos maior ca o representante vigués. Con todo, como remarca o técnico de Actividades Deportivas, Alexandre Sanjorge, “Brea demostrou que é o futuro do noso bádminton galego e ten moitísima proxección”.

Na modalidade de dobres masculinos, Manu Brea e Enrique Rodríguez estiveron a un paso das medallas, pero a mala sorte impediulles subir ao podio. En individual feminino, unhas molestias de Laura Valverde no nocello non lle permitiron render como debería e, en dobres mixtos, Alejandro Rivadulla con gripe e Laura Valverde lesionada, non puideron repetir a medalla de bronce do ano pasado en Jaén. 

Bronce na vela

Disputado en Valencia e organizado pola Universitat Politécnica de València, a Universidade de Vigo chegaba ao CEU de vela cun obxectivo claro: lograr o ouro que lle permitise representar a España na Universiada deste verán en Nápoles. Tras dous días de condicións moi difíciles de mar, fixéronse un oco na final de ouro, xunto con outras tres embarcacións, pero finalmente os vigueses tiveron que conformarse co bronce. E é que despois de finalizar primeiros en dura competencia coa Universitat Politécnica de Catalunya e a Universidad de Murcia, foron penalizados e obrigados a repetir a regata e, tras uns instantes de desconcerto, o equipo da Universidade de Vigo rematou en última posición, acadando o bronce, con Murcia como primeira e Politécnica de Catalunya, segunda. Para o combinado vigués, e a pesar da medalla obtida, a competición tivo un sabor agre, pero como destaca o técnico de Actividades Deportivas, Alexandre Sanjorge, dende a Universidade “estamos moi orgullosos do equipo, o deporte é así, unhas veces che dá e outras che quita e hai que asumilo con deportividade”.

Sen metais en fútbol sala feminino e tenis

Nos outros dous Campionatos de España Universitarios disputados esta semana, a Universidade de Vigo non tivo tanta sorte.  En fútbol sala feminino, o equipo fixo todo o posible, pero a diferencia deportiva con respecto aos rivais era moita e as viguesas perderon os tres encontros. No CEU de tenis tampouco a Universidade de Vigo foi quen de obter medallas. Iago Salvador Pita partía con opcións de obter un metal ao ser a cabeza de serie número 4, pero non se adaptou á terra batida do Club de Tenis Alacant e perdeu o primeiro encontro por un resultado contundente.