DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo club Trevinca, coa colaboración de Universidade e Concello, celebrarase o 4 de maio

Vigo incorpórase a elite do cine de montaña coa chegada por primeira vez a Galicia do Festival Banff 

Durante dúas horas proxectaranse nove curtas no Auditorio do Teatro Afundación 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cine
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/04/2019

Comezou hai máis de 40 anos no Banff Centre de Alberta, Canadá, e a día de hoxe celébrase en máis de 50 países. O Festival de Cine de Montaña e Aventura de Banff, un dos máis importantes do mundo, chegará o vindeiro 4 de maio a Vigo, e por primeira vez a Galicia, despois que hai tres anos recalase en Huesca. Foi o Club Peña Trevinca, que co gallo da celebración este ano do seu 75 aniversario, apostou por traer a Vigo este certame audiovisual, no que a gran protagonista é a natureza e as actividades deportivas, pero tamén culturais, que se fan nela. “Vigo non é Huesca, pero aquí hai moita afección á montaña e dous dos clubs máis antigos de España, que están facendo grandes cousas coas e cos seus montañeiros”, explica Carlos Garrido, presidente do Club Peña Trevinca, que agarda que o Festival Banff poida ter continuidade en Vigo, máis aló da edición deste ano.

O festival foille presentado hoxe ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun acto no que tamén participou o concelleiro de Deportes do Concello de Vigo, Manel Fernández, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, ademais do presidente, Carlos Garrido, e o vicepresidente, Xosé Lois Faro, do Club Peña Trevinca. Tanto o Concello, como a Universidade de Vigo, participan, xunto a outras entidades e firmas comerciais, na organización do Festival Banff en Vigo, para o que as entradas, a un prezo de catro euros, xa están á venda en Ataquilla de Abanca. 

Máis de dúas horas das mellores curtas de montaña

As vivencias dun corredor de 97 anos, movido pola lembranza da súa esposa finada. O reto dunha escaladora de 19 anos, que se enfronta a dúas das vías máis difíciles do mundo. A migración que en inverno enfronta unha familia de nómades das montañas Altai de Mongolia. As evolucións dun ciclista de montaña polas rúas de Katmandú. O intento dun escalador de enfrontar un dos ascensos máis duros da súa carreira, tras recuperarse dunha dura caída ou as experiencias dun dos nenos prodixio do esquí extremo. Estas son algunhas das historias que o vindeiro 4 de maio, a partir das 19.00 horas, encherán a pantalla do Auditorio do Teatro Afundación de Vigo. Durante algo máis dunha hora, nunha primeira parte do festival, proxectaranse as curtas: Rogue Elements- Corbet’s Couloir; Boy Nomad; For the love of Mary e Safety Third. Na segunda parte, tras unha pausa, e durante algo máis dunha hora seguirán as proxeccións con Choices; Viacruxis (a única cinta española); RJ Ripper; Far Out- Kai Jones e Reel Rock 12 Break on Through.

“Variedade, calidade técnica de realización e combinación de curtas impactantes con historias humanas e representación de ambos xéneros”, son, segundo Carlos Garrido, as características comúns das pezas audiovisuais que se van proxectar dentro do Festival Banff en Vigo. E é que a organización do festival, cando selecciona mediante un concurso as mellores pezas que logo se van proxectar por todo o mundo, “non só se centran en cuestións deportivas, senón tamén culturais, sociais e de xénero”, insiste o presidente de Club Peña Trevinca. 

Intensa colaboración coa Universidade de Vigo  

O Festival Banff é un exemplo máis do traballo en conxunto que desde hai anos realizan a Universidade de Vigo e Club Peña Trevinca ao abeiro dun convenio que permitiu, entre outras accións, desenvolver no campus vigués un dos mellores rocódromos de Galicia ou a supervisión por parte de Trevinca da andaina que se realiza ao mesmo tempo que a HappyGoRunning. “O convenio asinado coa Universidade é moi satisfactorio e incluso nalgún momento se podería ampliar para desenvolver máis actividades”, asegura o presidente de Trevinca.

O club celebra este 2019 o seu 75 aniversario cun completo programa de actos que de desenvolverán ao longo de todo o ano. “É unha honra dirixir o club neste intre, pero ademais que cumprir 75 anos a realidade é que estamos cheos de vida e enerxía”, asegura Garrido, que afirma que o mérito deste aniversario é de todas as persoas, “en especial directivos e socios, que foron quen de superar momentos difíciles para que nós podamos disfrutar grazas a eles”, explica.