DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aplicarase nas convocatorias propias en casos de maternidade, conciliación e/ou violencia de xénero 

Vigo, primeira universidade española en aprobar unha medida para paliar os paróns na carreira académica do PDI derivados da brecha de coidados

A “acción positiva” recibiu o visto bo unánime do Consello de Goberno 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Igualdade
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 29/04/2019

“A Universidade de Vigo vaise converter nun referente ao ser pioneira neste tipo de medidas”, asegura Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, que hoxe se converteu na primeira institución académica española, e unha das poucas europeas, en aprobar unha acción positiva, dentro das convocatorias propias de produción científica en investigación, docencia e transferencia, que aborda a denominada “brecha de coidados” por razón de maternidade, conciliación e/ou violencia de xénero, que afecta principalmente ás mulleres docentes e investigadoras. As e os integrantes do Consello de Goberno aprobaron este luns en sesión ordinario e por unanimidade unha medida de “acción positiva” que se traducirá en que toda investigadora da institución terá dereito a solicitar que a avaliación da súa produción científica, docente ou de transferencia sexa equivalente á media acadada nos cinco anos anteriores a atoparse nas seguintes situacións, polo tempo de duración das mesmas e ata a convocatoria de avaliación inmediatamente posterior á súa finalización: crianza dunha filla ou fillo, ata que acade os seis anos de idade; coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que non poida valerse por si mesmo a causa da súa avanzada idade, de accidente ou enfermidade grave ou que estea a recibir atención psicolóxica prescrita por sufrir violencia de xénero. 

Así mesmo, a medida aprobada hoxe contempla que o dereito previsto no suposto anterior, estenderase a calquera investigador da Universidade que obtivese un permiso ou excedencia por razón dos supostos de crianza de fillos e coidado directo dun familiar, previo informe favorable da Unidade de Igualdade e polo tempo de duración do permiso ou excedencia, ata a convocatoria de avaliación inmediatamente posterior a súa finalización. Na súa intervención ante do Concello de Goberno o reitor destacou que “entendemos que hai unha inxustiza de base, que fai parte do teito de cristal que ás veces atopan as mulleres na súa carreira científica e aínda que esta medida non vai romper o teito, si que recoñece esas dificultades e atrancos das mulleres durante embarazo e crianza dos rapaces”, asegurou Reigosa, que lembrou que o acordo foi aquilatado pola Asesoría Xurídica da Universidade para evitar que “menoscabe e provoque problemas que intentamos evitar, porque non podemos xerar inxustizas para outros colectivos”.

Reigosa, que destacou que esta medida ten custo cero, porque non hai cambios na cantidade prevista para a avaliación da produción científica e de transferencia, incidiu en que non se aplicará só no caso das mulleres que teñen fillos, “senón para todas aquelas situacións sociais que atinxen tanto a mulleres,  como a homes e que teñen que ver co coidado dos fillos, maiores e quedando incluso abertas situacións que produzan menoscabo na produción científica”, explicou. Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade afirma que con esta medida queremos “converter a nosa Universidade nunha organización que non sexa ‘cega ao xénero’ e que recoñeza e facilite a compatibilidade da conciliación entre vida laboral, familiar e persoal a académicas e  académicos que se atopen nalgunhas das situacións contempladas”, detalla Águeda Gómez. 

A aprobación desta media de acción positiva a aplicar nas convocatorias de avaliación do PDI da Universidade de Vigo foi un dos puntos da orde do día da sesión ordinaria de Consello de Goberno celebrada hoxe, na que tamén se deu luz verde á convocatoria de axudas á investigación e ao calendario académico do vindeiro curso, acordado entre as tres universidades do SUG, que establece que a actividade académica docente no curso 2019-2020 comezará o luns 9 de setembro de 2019 e rematará o venres 5 de xuño de 2020. 

Titulacións en perigo; Robótica Agroforestal; universidade privada e botellón

A sesión celebrada este luns comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa, entre outros asuntos, confirmou que se segue traballar na viabilidade das catro titulacións da Universidade de Vigo que están en perigo por baixa matrícula. “As catro semella que están salvadas e este ano abrirase a matrícula”, confirmou o reitor, que avanzou que algunhas das solucións propostas xa están aceptadas pola Xunta, mentres que noutros casos “hai boa sintonía”, dixo. Así lembrou que, no Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios a xunta de facultade está a traballar na modificación do plan de estudos, que será máis recoñecible, de xeito que o alumnado teña claro que pode estudar na Universidade de Vigo galego e español. Pola súa banda, no Grao en Enxeñaría Forestal destacou Reigosa que o acordo entre as universidades que o imparten agrada á Xunta, o que non ocorre no caso do acordo ao que chegaron a Universidade de Vigo e a USC para o Grao en Enxeñaría Agrícola, “que á Consellería non lle gusta, pero vaise aceptar”. Por último, en relación co Grao en Dirección e Xestión Pública, o reitor lembrou que a idea é manter que o novo plan de estudos teña a opción presencial e unha totalmente non presencial, que será unha experiencia piloto.

Reigosa tamén confirmou que se segue a negociar o futuro do Grao en Robótica Forestal. “A Universidade de Santiago aposta por que o título figure só como Robótica e Vigo estaría disposto a acadar un novo acordo que nos satisfaga. Eu son optimista en que se poida acadar un novo acordo que recolla as nosas inquedanzas”, dixo o reitor, que tamén se referiu no seu informe á pretensión do equipo de goberno de erradicar o botellón nas festas de celebración dos patróns dos centros. Reigosa recoñeceu a dificultade que pode entrañar rematar con botellóns que levan vinte anos celebrándose e reiterou que “os campus non son lugares para celebrar botellón, porque é incompatible coa vida universitaria. É unha postura que non é moi popular, pero é a que debe tomara institución”, dixo.

En relación coa implantación en Galicia dunha universidade privada, o reitor apuntou a conveniencia de que se realice un debate dentro da Universidade e máis concretamente no Claustro, ao tempo que asegurou que “non debemos opoñernos a nada que sexa legal, aínda que si podemos ser moi insistentes en que se cumpran os requisitos legais”. Reigosa tamén avanzou que os tres reitores galegos pediron que se inclúa un punto na orde do día do Consello Interuniversitario de Galicia que determine as regras de xogo, caso de aprobar unha universidade privada. “Non pode ser que as públicas pública esteamos constrinxidas en canto ás novas titulacións e as privadas teñan regras distintas O SUG debe decidir que titulacións se implantan e cales non e espero que este sexa un debate sosegado e de xeito universitario e non partidista”, sinalou. 

Convocatoria de axudas á investigación

A convocatoria de axudas á investigación da Universidade de Vigo para este ano 2019 aprobada este luns polo Consello de Goberno contempla as axudas propias para a mobilidade do persoal investigador por un importe de 65.000 euros e as axudas propias a grupos e centros de investigación e bolsas predoutorais, convocatoria que sairá máis adiante, por un importe de 1,2 millóns de euros. “No caso das axudas á mobilidade cómpre destacar como novidade que as persoas solicitantes das bolsas de viaxe e estadías deberán tramitar as solicitudes a través do módulo de convocatorias do Sistema Unificado de Xestión de Investigación (SUXI)”, explicou Belén Rubio, vicerreitora de Investigación. Ademais, no caso concreto, das estadías en centros de investigación, terán preferencia, dentro das e dos solicitantes do grupo 1 as persoas que teñan concedida unha axuda predoutoral da Universidade e no recibisen a mesma axuda na convocatoria do ano 2018. A duración da estadía financiada, nun único centro, será de entre 30 a 90 días.

En relación coas axudas a grupos e centros de investigación, mantéñense todas as axudas e incorpóranse ás axudas á preparación de proxectos internacionais de I+D, que poderán presentar todos os grupos de investigación da Universidade que realicen propostas de proxectos internacionais de I+D do programa H2020 ou outras convocatorias europeas, ou que asistan aos Info days para algunha das chamadas do programa H2020. Poderanse tamén considerar outras convocatorias de prestixio sempre que o importe total do proxecto solicitado supere o millón de euros e participen máis de tres países.

No caso das bolsas predoutorais ampliaranse a tres anos e reduciranse en número pasando de 25 a 16 contratos, co obxectivos de igualalas coas da Xunta para que as e os futuros doutores teñan tempo de rematar a tese.

Un calendario académico único para o SUG e outros asuntos

A actividade académica docente no curso 2019-2020 comezará na Universidade de Vigo, e en todo o SUG, o luns 9 de setembro de 2019 e rematará o venres 5 de xuño de 2020. O primeiro cuadrimestre prolongarase do 9 de setembro ao 24 de xaneiro de 2019 e o segundo do 27 de xaneiro ao 5 de xuño de 2020. A actividade académica suspenderase en Nadal, entre o 21 de decembro e o 7 de xaneiro e en Semana Santa entre o 6 o 11 de abril de 2020. A celebración de Santo Tomé de Aquino terá lugar o 27 de xaneiro de 2020.

A sesión de Consello de Goberno de hoxe aprobou o regulamento da sede electrónica da Universidade de Vigo; a proposta de regulamento do sistema de queixas, suxestións e parabéns; así como as normas provisorias para o cambio de adscrición aos campus da Universidade do que se poderá beneficiar o PDI a tempo completo que leva tempo exercendo a súa actividade nun campus distinto ao que está adscrito.