DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta outorgou á UVigo tres dos cinco proxectos concedidos este ano

Vigo sitúase á cabeza das universidades galegas en proxectos de investigación en cooperación para o desenvolvemento

Dirixidos por Maribel del Pozo, Gonzalo Méndez e Fernando Ramallo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 11/11/2019

Mediación lingüística para a cooperación ao desenvolvemento. Formación do profesorado que desenvolve o seu traballo no programa de educación bilingüe en Mozambique e cooperación para o desenvolvemento litoral sostible. Estas son as temáticas dos tres proxectos de investigación en materia de cooperación ao desenvolvemento da Universidade de Vigo que a Xunta de Galicia subvencionará na convocatoria aberta para este ano, que ten a finalidade de crear grupos de investigación que centren a súa actividade en cooperación para o desenvolvemento. Os tres proxectos concedidos, dous a investigadores da Facultade de Filoloxía e Tradución e outro a de Ciencias do Mar, sitúan á Universidade de Vigo á cabeza das institucións académicas galegas nesta convocatoria, na que tamén foron seleccionados, do total de 14 proxectos presentados para ser subvencionados, cadansúa iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de A Coruña.

Maria Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo, recoñece o orgullo que para a institución académica viguesa supón acadar este éxito nunha convocatoria na que Vigo presentou oito do total de 14 propostas. “Aspiramos a crear un nutrido grupo de investigadoras e investigadores de todas as categorías docentes sobre desenvolvemento e cooperación e a Universidade, desde a recentemente creada Oficina de Proxectos Internacionais, vailles apoiar na promoción das súas ideas e proxectos”, sinala a Doval, que asegura que a promoción da investigacion sobre desenvolvemento e cooperación constitúe un elo fundamental da cadea de actividades da Universidade de Vigo relacionadas coa procura dun mundo máis humano, sostible e responsable. Pola súa banda, Xosé Mahou, director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación, destaca que numerosos PDI da institución académica viguesa “levan tempo traballando en temas relacionados, directa ou indirectamente, coa cooperación ao desenvolvemento e mesmo existen grupos de prestixio internacional abordando, desde diferentes ámbitos, aspectos centrais do desenvolvemento sostible contidos na Axenda 2030”.

Mediación lingüística de calidade entre ONGD e persoas usuarias

Liderado polas investigadoras Maribel del Pozo Triviño e Silvia Pérez Freire e polo investigador David Casado Neira, da Universidade de Vigo, e coa participación das universidades de Tras-Os-Montes e Alto Douro, A Coruña, Granada, Alicante e Jaume I, o proxecto Mediación lingüística para a cooperación ao desenvolvemento (MELINCO), “ten unha aplicabilidade directa no traballo que fan as ONGD, xa que contribuirá a eliminar barreiras lingüísticas e culturais ás que se enfrontan as persoas máis vulnerables, garantindo así os dereitos humanos e as liberdades fundamentais, que son cruciais para o desenvolvemento sostible, a gobernanza inclusiva e a equidade social, tal e como prevé a Axenda 2030”, explica Maribel del Pozo, IP do proxecto.

Dunha banda, o proxecto no que participarán ONGD como Cruz Vermella Galicia, Médicos do Mundo, Solidariedade Galega Internacional, Provivienda e Asemblea de Cooperación pola Paz, busca detectar barreiras lingüísticas e culturais que existen entre o persoal das ONGD e as poboacións estranxeiras coas que traballan, con especial atención ás practicas habituais e posibles vulneracións dos dereitos lingüísticos das persoas asistidas, para identificar necesidades de formación en mediación lingüística profesional a través de intérpretes con cualificación. “En segundo lugar, unha vez detectadas estas necesidades, tanto de interpretación oral como de tradución escrita, o proxecto fará un tratamento dos resultados para, por unha banda, deseñar e impartir formación adaptada ás necesidades do persoal das ONGD, por outra, crear unha guía de boas prácticas para mellorar a comunicación multilingüe en contextos de cooperación ao desenvolvemento e tamén facer traducións culturalmente adaptadas dos materiais que precisen as ONGD”, detalla a docente e investigadora da Facultade de Filoloxía e Tradución.

MELINCO que se desenvolverá entre os anos 2019 e 2020 conta cun orzamento de 30.00 euros.  

Planificación territorial para países en vías de desenvolvemento

Desenvolver instrumentos para a planificación territorial, que se poidan utilizar en países en vías de desenvolvemento, analizando os servizos ecosistémicos e os potenciais riscos ambientais, coa finalidade de desenvolver normativas aplicables en distintos países é o obxectivo do proxecto Cooperación para o desenvolvemento litoral sostible (Cátedra UNESCO). “Enmárcase principalmente no Obxectivo 11 dos ODS Cidades comunidades sostibles e en particular na meta 11.3, que sinala que de aquí a 2030 debe aumentar a urbanización inclusiva e sostible e a capacidade para a planificación e xestión participativas, integradas e sostibles dos asentamentos humanos dos países”, explica o investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio Gonzalo Méndez, IP do proxecto, que reúne investigadores das universidades de Vigo e Santiago, ademais doutros asociados.

Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique son os países obxectivos deste proxecto, que se organiza arredor de tres unidades: análise territorial, servizos ecosistémicos e riscos ambientais e investigación xurídica. “Cooperación Galega subvenciona con 25.000 euros este proxecto, que brinda a posibilidade de agregar investigadores e profesionais de diferentes ámbitos do coñecemento, o que posibilita unha aproximación integrada nunha temática que esixe un enfoque multidisciplinar”, sinala Méndez, que amosa a súa satisfacción por poder achegar estes coñecementos a países en vías de desenvolvemento no contexto do compromiso social da Cátedra UNESCO.

Formación de profesorado do programa de educación bilingüe en Mozambique

Os docentes e investigadores do grupo GRADES da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Fernando Ramallo (IP), Susana Rodríguez Barcia e José María García-Miguel Gallego, xunto a dous docentes da Universidade Eduardo Mondlane de Mozambique, promoven o proxecto Formación teórica e metodolóxica, elaboración, aplicación e validación de materiais educativos no Programa de Educação Bilingüe de Mozambique. “Edubilmo ten como obxectivo inmediato contribuír á formación do profesorado que desenvolve o seu traballo no programa de educación bilingüe en Mozambique; porén, en tanto se trata dun modelo de transición, o obxectivo a medio prazo é axudar a mobilizar o debate sobre a súa necesaria superación para transformalo nun programa verdadeiramente bilingüe, coa docencia en linguas bantú máis alo do terceiro curso da educación primaria, que ata onde chega o modelo actual”, explica Ramallo, que aclara que ata o 3º curso todo se ensina en lingua materna (bantú), agás lingua portuguesa, pero a partir de 4º, todo é en portugués, menos a materia de lingua materna de bantú. “Isto prodúcese só nas zonas rurais con forte presenza de linguas indíxenas en non en todas as escolas do país. É dicir, non é un programa universal, aínda que si ten presenza en miles de escolas”, aclara o docente da UVigo.

Cun orzamento de 30.000 euros Edubilmo elaborará materiais de ensino e aprendizaxe, proporcionará formación sociolingüística ao profesorado e encargarase do desenvolvemento de metalingüaxe e terminoloxías científico-técnicas nas linguas bantú. “Para iso seleccionaremos cinco escolas integradas no actual Programa de Educação Bilingüe de Mozambique, cada unha cunha lingua mozambicana diferente, co propósito de convertelas en escolas piloto dun proxecto más ambicioso, consistente en estender nos vindeiros anos esta metodoloxía a todas as linguas do país”, detalla Fernando Ramallo.