DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Quedou 4ª nos medalleiros dos Campionatos de España Universitarios

Vigo sitúase entre as catro mellores universidades no ámbito deportivo

Conseguíronse nove medallas de ouro, seis de prata e catro bronces

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 31/05/2018

A Universidade de Vigo situouse este ano cuarta no cadro de medallas dos Campionatos de España Universitarios coa consecución de 19 medallas –nove ouros, seis pratas e catro bronces- uns resultados valorados desde a Área de Saúde, Benestar e Deporte como “excelentes” e que reafirman a brillante traxectoria nas competicións universitarias a escala nacional da institución académica viguesa, situándose na parte alta do medalleiro final dunhas competicións nas que se miden forzas con centros con moita maior potencia de alumnado.

Participouse en total en 14 disciplinas deportivas e acadáronse medallas en loita, taekwondo, atletismo, bádminton, natación e esgrima. Por equipos acadou o ouro o equipo feminino de loitas olímpicas, prata o de vela e bronce o de voleibol masculino. “Para a Universidade é unha alegría grande acadar estes resultados no deporte competitivo, resultados que complementan, ademais, a estratexia que seguimos da promoción do deporte como algo fundamental para ter un estilo de vida saudable”, explica Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor en funcións de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, quen fixo fincapé en que a consecución deste cuarto posto no medalleiro nacional   “demostran que ambas cousas, saúde e competición, son compatibles, sobre todo se temos unha boa Área de Deportes con bos profesionais como os que temos”. Precisamente dende a Área de Deporte e Saúde, explican que o “o máis importante  para nós non son as medallas, senón o recoñecemento a unha traxectoria e un traballo ben feito”, explica Alexandre Sanjorge, coordinador dos equipos universitarios nos campionatos de España.

O taekwondo, a disciplina máis laureada ao longo dos últimos anos

En canto ás distintas disciplinas o taekowondo é a máis laureada ao longo dos últimos anos, se ben, nesta ocasión a pesar de sumar os puntos suficientes para proclamarse ouro por equipos, cuestións relacionadas co regulamento fixeron que, por primeira vez de xeito ininterrompido dende o ano 2005, Vigo non puidese subir ao podio por equipos, pese á consecución de dous ouros e unha prata conseguidos grazas á excelente actuación dos estudantes do campus de Pontevedra Miryam García -ouro na categoría de -62 kg-, Iván García -ouro en -87 kg- e Celia Tortosa -prata en -53 Kg-. “Pese a todo o equipo suma xa, ao longo da súa historia, 80 medallas individuais, o que o converte no máis laureado da historia do deporte universitario español nesta modalidade deportiva”, recalca Sanjorge, ao tempo que explica que este equipo serviu de modelo a seguir para as outras modalidades.

As deportistas do equipo de loita, de novo campioas de España

As que si conseguiron o ouro por equipos son as deportistas de loita olímpica, que revalidaron en Jaen o título de campioas de España. Os nomes propios da competición foron Lydia Pérez (en 63 Kg) e Noelia Lalín (en 75 kg), que acadaron sendas medallas de ouro; Nerea Pampín (en 63 Kg), medalla de prata; e Cristina Alves (en 52Kg), medalla de bronce. A elas hai que sumar tamén os éxitos en loita masculina dos seus compañeiros Pablo García, medalla de ouro en 80 Kg, e Andrés Torres, en 90 kg, que finalizou en quinto lugar. En total as e os universitarios vigueses volveron de Andalucía con tres ouros, unha prata e un bronce. Esta vitoria ten un sabor especialmente doce para Noelia Lalín para quen este ouro supón revalidar por terceiro ano consecutivo o seu título de campioa de España Absoluta.

Prata e clasificación para o mundial en vela

Os éxitos, neste caso en forma de medalla de prata e clasificación para o mundial universitario, chegaron tamén da man do equipo de vela. A prata viguesa foi obtida por Marcos Manuel Castro, Alberto Basadre, Kevin Simón Figueiras e Rodrigo Rodríguez e Hugo Fernández. O adestrador do equipo, Hugo Fernández considera que Vigo asinou un “moi bo campionato” nunha edición “cun gran nivel”, na que participaron regatistas olímpicos, con medallas de ouro e varios campións do mundo.

Por equipos tamén se conseguiu medalla en Voleibol masculino, neste caso un bronce que se converteu na primeira medalla conseguida nesta disciplina na historia da Universidade de Vigo. 

Medallas tamén en atletismo, bádminton, natación e esgrima

As medallas viguesas chegaron tamén do mundo do atletismo, neste caso da man de Adrián Pérez, estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte cun ouro nos 100 metros lisos por segunda vez consecutiva; Jean Marie Okutu, alumno de Fisioterapia, ouro en salto de lonxitude, e de Leticia Fernández, prata nos 1500 metros lisos. Xunto a eles o resto do equipo vigués obtivo tamén resultados moi destacados, como Miguel Cajaraville, cuarto posto (empatado co bronce) no salto de pértega; Sergio Paredes, cuarto posto no lanzamento de martelo; Marta Fernández, finalista nos 400 metros valados e David Abalde, semifinalista nos 400 metros lisos.

En natación conseguiu dúas medallas de prata Daniel Sánchez, unha en 100 metros e outra en 50 metros costas masculino; en bádminton Laura Valverde e Alejandro Rivadulla conseguiron sendos bronces en dobres mixtos e, en esgrima, Xiana Pérez Ogando, conseguiu un bronce en florete.

Un éxito baseado en “moitas horas de esforzo e sacrificio”

O éxito acadado baséase principalmente en “moitas horas de esforzo e sacrificio de todo o equipo da Área de Deportes, dos adestradores e dos colaboradores dende hai anos”, recalca Sanjorge, quen fai fincapé en que se colleu o equipo de taekwondo como modelo a seguir, así como tamén o exemplo doutras universidades españolas. “Ademais, hai unha colaboración máis estreita coas federacións galegas, asinando convenios de colaboración, traballando máis intensamente ao longo de todo o ano”, recalca o técnico de Actividades Deportivas.