DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrouse esta pasada fin de semana en Asturias

Vigo súbese ao podio do Campionato de España de Orientación

Begoña Crespo, da Universidade olívica, no equipo de relevos feminino veteranas C que obtivo o ouro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 22/04/2019

Estes pasados 19, 20 e 21 de abril Asturias acolleu o Campionato de España de Orientación 1, que se celebrou paralelamente en Porrúa e Llanes. No primeiro destes lugares desenvolvéronse as competicións de relevos clásicos e a de distancia media sobre un complicado terreo cárstico, escarpado e esvaradío e cunha boa dose de complexidade técnica, o que dificultou as transicións dos orientadores. A vila de Llanes acolleu a proba sprint, na que os orientadores tiveron que sortear, ademais da dificultade do percorrido polo casco histórico e a súa contorna marítima, a numerosa afluencia de turistas que elixiron este destino para pasar a Semana Santa.

En total, nesta cita deportiva participaron 1500 atletas, 200 dos cales integraron a delegación galega, da que formaba parte a Universidade de Vigo con 10 corredores e corredoras. As probas deixaron un primeiro posto con selo vigués, o do equipo de relevos feminino veteranas C, do que forma parte a representante da institución viguesa Begoña Crespo. Ademais, Ana Iglesias tamén acadou un meritorio 6º posto na complicada proba sprint. 

A vindeira fin de semana, en Barcelos

A próxima fin de semana, o equipo de orientación da Universidade de Vigo terá unha cita, desta volta en Barcelos, Portugal, para participar na segunda proba interrexional de orientación galaico-portuguesa.