DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro alumnos e alumnas do campus forman parte do consello permanente da Anecafyde

Vigo, a universidade máis representada na dirección da asemblea de estudantes de CC Actividade Física e do Deporte

Da asociación forman parte delegados de 40 institucións académicas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 16/12/2019

Representar ao alumnado do Grao en Ciencias de Actividade Física e do Deporte e servir como interlocutor coas diferentes administracións e institucións son os obxectivos principais da Anecafyde, a asemblea estatal de estudantes desta titulación, á que están asociadas 40 universidades españolas. Esta organización, fundada en 2010 e que representa máis de 25.000 estudantes, procedeu na súa XIX asemblea á renovación dos seus órganos directivos, convertendo a Vigo na universidade con máis representantes no seu consello permanente. 

Concretamente, dous dos sete integrantes da súa xunta directiva, que encabeza o alumno da Universidad Politécnica de Madrid Ángel Torés, son estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés. Trátase de Matías Zelarayán, director de Comunicación da Anecafyde, cargo para o que foi reelixido na asemblea celebrada a finais de novembro na Universidad de Extremadura, e de Isabel Noya, que no encontro que tivo lugar en Cáceres converteuse en vicepresidenta de Asuntos Internos. A estes dous representantes súmase a elección do tamén estudante da facultade Sergio Domínguez como un dos cinco coordinadores de zona, completando este consello permanente a coordinadora do consello asesor da Anecafyde, a egresada e anterior presidenta da asociación, Lara Piñeiro. “A Universidade de Vigo nunca chegou a ter tanta representatividade nos cargos da Anecafyde, nin tampouco ningunha outra universidade, é a primeira vez que ocorre”, recoñece Zelarayán, presidente da Delegación de Estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, da que tamén forman parte os novos membros do consello permanente. Deste xeito, a Universidade de Vigo conta con dous representantes na xunta directiva, o máximo permitido polos estatutos, e un total de catro nun consello no que están representadas nove universidades.

Visibilidade e mellora das condicións laborais

“A nosa profesión viuse relegada a un segundo plano, tanto como ciencia en si mesma, como pola súa importancia para a cidadanía”, salienta Isabel Noya, que tras exercer como coordinadora da zona norte, converteuse en vicepresidenta dunha asociación que, sinala, “loita cada día para que isto deixe de ser así”, ademais de por mellorar as condicións laborais dos titulados e tituladas. O seu relevo á fronte da coordinación responsable de oito universidades ocúpao agora Sergio Domínguez, que define á Anecafyde como “a forma que temos os estudantes de poder alzar a voz e que se nos escoite”. Como un “desafío a nivel persoal e unha gran responsabilidade” define Domínguez a súa elección como coordinador, ao tempo que subliña a importancia de lograr un maior recoñecemento para uns e unhas profesionais “que temos moito que achegar á sociedade”.

A precariedade laboral e o futuro da profesión foron de feito os eixos temáticos da XIX Anecafyde, que reuniu preto de 50 delegadas e delegados. Entre as liñas de traballo da xuntanza tamén figurou o reforzo dos organismos de representación estudantil e a próxima campaña #SoyMujerSoyDeporte, que a asociación levará a cabo en 2020. Dirixida a dar visibilidade ao papel das mulleres no ámbito deportivo, a anterior edición desta campaña foi de feito coordinada por estudantes de Ciencias da Educación e do Deporte, que sumaron ás actividades de difusión a comercialización dunhas pulseiras que permitiron, como explica Zelarayán, recadar 3000 euros, que foron doados á asociación Mujeres en el Deporte Profesional.