DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase do resultado final do proxecto ‘DebaTV’, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación

Unha vintena de especialistas revisan nun libro o antes, durante e despois dun debate electoral

A publicación busca servir como guía para a organización destes eventos televisivos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/06/2021

“Un libro de debate sobre os debates electorais televisados”. Deste xeito presentan o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Rúas e a investigadora Julia Fontenla o libro Debates electorales en televisión y redes sociales en España, que analiza a preparación previa, o desenvolvemento e as repercusións destes eventos a través das achegas de 25 expertos e expertas. Resultado do proxecto de investigación DebaTV, que tiña como obxectivo articular un modelo de referencia para os debates electorais televisados en España, esta publicación buscaba dar resposta á ausencia dun manual “que analizase, en perspectiva comparada, o antes, durante e despois da celebración dun dos acontecementos de máis impacto nas campañas”, como salientan Rúas e Fontenla no seu texto introdutorio. 

“Cremos que é unha achega interesante para a academia e queremos que tamén o sexa para os profesionais”, sinala Rúas do volume publicado pola editorial Comunicación Social, que propón unha “análise multidisciplinar” duns eventos respecto dos que “non había moitos estudos en España”, co propósito de ser “un instrumento útil para os actores políticos e mediáticos”. De feito, esta publicación é o resultado final do proxecto DebaTV. Debates electorales televisados en España: modelos, proceso, diagnóstico y propuesta, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e coordinado polo grupo CP2, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Unha vintena de investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos formaron parte, ao longo dos últimos tres anos, do equipo de traballo dun proxecto que contou co apoio da da Academia de las Ciencias y las Artes de Televisión (Academia TV), da Federación de Organismos de Radio e Televisións Autonómicas (Forta) e da Unión de Televisiones Comerciales en Abierto (Uteca) e que tiña entre os seus obxectivos dar forma a un “manual de referencia” sobre os debates televisados en España.

Diversos focos de análise dun fenómeno en evolución

“Tratábase de ter un instrumento útil”, sinala Rúas dunha publicación que reflexiona tamén sobre os retos de futuro dun formato en evolución, que se viu marcado nos últimos anos en España polo paso “do bipartidismo ao multipartidismo, que obviamente obriga a un cambio de esquema con respecto aos debates cara a cara”. Do mesmo xeito, o volume detense nas diferencias existentes, en materia organizativa, entre as canles publicas e privadas, “que teñen intereses distintos”, que fan que estas últimas “poidan propor outros esquemas e formatos”, aínda que en ambos casos, salienta Rúas, “do que se trata é de que sexan instrumentos útiles, áxiles e que, sobre todo, axuden á conformación da opinión pública”. 

O libro afonda tamén nas “esixencias” dos actores políticos e na negociación das temáticas a debater, á vez que propón unha análise da “linguaxe verbal e non verbal” destes espazos, para deterse tamén na súa repercusión en redes sociais, coa idea de ver “se os debates serven para debater a posteriori nestas segundas pantallas”, apunta Rúas. Así mesmo, a publicación aborda tamén os “papel dos moderadores”, cuestionándose “se deben ser meros árbitros ou xornalistas con liberdade para preguntar o que consideren” e analiza á súa vez como poden estes formatos televisivos “dar voz ás audiencias”.

Antes, durante e despois

Unha análise das lexislacións audiovisuais que rexen estes espazos en diferentes países e dos modelos de debate existentes nos Estados Unidos, Colombia, México e Ecuador integran o primeiro bloque dunha publicación que busca analizar estes eventos desde unha “perspectiva comparada”. De feito, Rúas, Fontenla e o tamén investigador do grupo CP2 Iván Puentes achegaron tamén recentemente a súa análise sobre os debates electorais en España ao Routledge International Handbook on Electoral Debate, unha publicación internacional que ten entre os seus coordinadores ao profesor da Northeastern University de Boston e participante no proxecto DebaTV Alan Schroeder. Tras este bloque, o libro aborda a negociación e protocolo que definen o “antes” dun debate, nun capítulo asinado por María Gallego, da Universitat de Lleida; así como aqueles aspectos que definen a súa axenda temática, da man dos investigadores da USC Paulo Carlos López, Nieves Lagares e Paloma Castro. 

No apartado centrado no “durante”, as investigadoras de Ciencias Sociais e da Comunicación Mónica Valderrama e Isabel Martínez analizan a “posta en escena” que implican estes espazos, mentres que o catedrático da USC Xosé López reflexiona sobre o papel dos xornalistas e os investigadores da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo Inmaculada Anaya e Miguel Cuevas poñen o foco na comunicación lingüística. Rúas e o tamén investigador da Universidade Andrés Mazaira suman ao volume un traballo de fact-checking realizado en diferentes debates, mentres que os psiquiatras do Sergas Sandra Rodríguez Alexandre García abordan o uso na comunicación política do eye-tracking, un método de seguimento ocular, e do sistema de análise textual LIWC. As técnicas de promoción dos debates por parte das diferentes cadeas e as estratexias de uso das redes sociais, nun estudo de Fontenla, forman parte tamén dos contidos deste bloque, no que a investigadora do grupo CP2 Ana Belén Fernández Souto analiza a comunicación non verbal dos candidatos nas eleccións xerais.

Por último, no referido ao “despois” dos debates, o libro recolle as conclusións dunha serie de enquisas realizadas a responsables de cadeas televisivas, nun capítulo asinado por Raquel Rodríguez, da Universidad Rey Juan Carlos, e Antón R. Castromil, da Complutense.