DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha das iniciativas do programa ‘Falamos’, que promoven Concello e Universidade

Unha vintena de estudantes súmanse un voluntariado que busca espallar o galego

Propón encontros entre galegofalantes e persoas queren mellorar o seu dominio da lingua

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 05/03/2021

Reunirse e conversar en galego. Esa é a premisa en torno á que se articula o proxecto de voluntariado lingüístico impulsado do programa Falamos, unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo que busca promover o uso do galego como lingua de socialización entre o alumnado. Despois de que no primeiro cuadrimestre dez estudantes do campus completasen unha actividade na que parellas formadas por unha persoa galegofalante e outra que quere mellorar o seu dominio do idioma debían reunirse ao longo de dez semanas, este voluntariado lingüístico inicia nestas semanas a súa segunda quenda, á que se sumaron oito novos alumnos e alumnas. 

“Vendo as circunstancias que viñeron, a valoración ten que ser moi positiva”, salienta o director da ANL, Fernando Ramallo, dunha actividade que formou parte do primeiro bloque de propostas de Falamos e que fora concibida co propósito de que as “parellas” integradas por unha persoa galegofalante e un “aprendente” puidesen reunirse cada semana de xeito presencial para conversar en galego dos temas do seu interese. Mais a evolución da situación sanitaria motivou que “poucas parellas puidesen realizar algunha reunión presencial”, tendo que reconverterse estes encontros en virtuais. “Isto limita de maneira moi obvia este tipo de actividade, porque non é o mesmo tomar un café e dialogar en presenza, sobre todo entre persoas que non se coñecen ou se coñecen moi pouco, que facelo de xeito virtual”, recoñece Ramallo.

O director da ANL coordinaba a pasada semana unha xuntanza por videoconferencia cos novos inscritos e inscritas, na que se formaron as parellas e grupos de tres persoas que nas próximas semanas se reunirán para conversar en galego. Nesta ocasión coa posibilidade de que a evolución da pandemia faga posible “a interacción real, tan necesaria neste tipo de actividades”. De xeito paralelo, as cinco “parellas” que completaron a actividade no primeiro cuadrimestre continuarán participando tamén nesta segunda quenda. En ambas, este voluntariado lingüístico congregou maioritariamente, no perfil de “aprendentes”, a estudantado galego “que ten un dominio do idioma axeitado e queren converterse en neofalantes ou cando menos activar máis ao galego”, xunto con algún alumno de fóra de Galicia, explica Ramallo. Así mesmo, o director da ANL puxo de relevo que se ben esta xuntanza constituía o “punto de partida” para reiniciar esta actividade, o voluntariado lingüístico mantense aberto a novas inscricións “e estaríamos encantados de que se sumase máis xente nas próximas semanas”.

As pantallas non foron impedimento

Unha das participantes no arranque deste voluntariado foi a alumna da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Andrea Salgado, que destaca que a pesares de que a pandemia obrigou a desenvolver a actividade a través da pantalla, “para nada foi un impedimento ter que xuntarnos virtualmente” e foi posible manter conversas “bastante dinámicas”, que agardan poder agora converter en presenciais. “Todos decidimos continuar porque foi unha vivencia altamente positiva”, salienta esta alumna de Comunicación Audiovisual, que decidiu sumarse a esta actividade tanto polo “necesario” deste tipo de iniciativas a prol do idioma como pola súa “paixón” por relacionarse e “coñecer xente nova”. “Son galegofalante habitual e teño grande estima pola miña lingua materna, co que considero interesante contribuír na medida do posible á súa conservación”, conclúe Salgado.

O valor da interacción nos tempos da pandemia

Alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Rocío Gómez inscribiuse a comezos de ano en Falamos e a pasada semana participou na xuntanza na que se formaron as novas parellas ou, como é no seu caso, tríos de conversa. Xunto con outra estudante da facultade, tamén galegofalante, e un alumno de Belas Artes “que se considera neofalante”, Gómez Couñago manterá unha serie de encontros, que agarda poidan ser presenciais, nos próximos meses. “Tanto pola miña parte como voluntaria, como pola do aprendente, o obxectivo é aprender a falalo mellor”, salienta esta estudante do grao en Educación Infantil, que destaca que para persoas galegofalantes coma ela, reunirse para conversar en galego con outros mozos e mozas “é algo que reconforta”, ao que se suma o feito de que nestes meses marcados pola pandemia “toda interacción agradécese un montón”. 

Encontros e conversas virtuais

Xunto ao voluntariado lingüístico, o club de lectura, que retomou a súa actividade en febreiro, e o cinefórum, programado para maio, son as tres actividades que formaron parte do primeiro bloque de Falamos que continúan neste segundo cuadrimestre. A estas sumáronse novas iniciativas como os Encontros no Instagram, unha proposta que se desenvolverá neste mes de marzo e na que os inscritos e inscritas do programa poderán “entrevistar” a través desta rede social a persoas de ámbitos como a cultura seleccionadas a partires das súas propostas. Concretamente, estes encontros terán como protagonistas á cantante Guadi Galego e aos grupos De Vacas e Tanxugueiras e desenvolveranse os días 9, 16 e 23 de marzo ás 20.00 horas.

A outra novidade son as conversas, tamén virtuais, que arrincaron a finais de febreiro cun coloquio con Ramallo sobre a situación actual do galego. Esta actividade continuará o 17 de marzo cun coloquio coa axente musical Patricia Hermida, mentres que o 15 de abril o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, protagonizará un coloquio que leva por título Galiza 2050, cara onde imos?, pechándose a proposta o 27 de abril cunha conversa coa creadora de videoxogos Dháunae de Vir.