DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A categoría masculina do Auriense FG gañou ao Mecos FG de O Grove

Vitoria en fútbol gaélico, derrota en rugby

O Campus Universitario Ourense perdeu contra o VRAC B de Valladolid

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 08/10/2018

Os equipos do campus de Ourense tiveron desigual sorte nos partidos disputados esta fin de semana. Mentres o Campus Universitario Ourense de rugby perdeu pola mínima o partido disputado contra o VRAC Quesos Entrepinares B de Valladolid, a categoría masculina do Auriense FG gañou ao Mecos FG de O Grove.  

Segunda vitoria en fútbol gaélico

Desde o Auriense FG sinalan como despois da vitoria da pasada semana en terras coruñesas contra Ártabros, a categoría masculina estreábase esta fin de semana como local ante o conxunto de Mecos FG de O Grove, que regresaba á competición tras un ano de ausencia. O resultado final foi  Auriense FG 05-14 (29) - Mecos FG 02-13 (19). Sobre a crónica do encontro subliñan como os primeiros 20 minutos da primeira metade estiveron marcados polo dominio ourensán no marcador, “con acerto por porta e a paus, mais no último tramo deste primeiro acto os do Grove acurtaron distancias cun fenomenal acerto a paus e asegurando as faltas sempre con punto”.

A segunda metade, engaden desde o club, comezou con ritmo baixo por parte de ambos equipos, “porén a medida que avanzaban os minutos a intensidade por parte dos nosos foi subindo, do mesmo modo o noso acerto, e en poucos minutos a distancia no marcador atopábase por riba dos 10 tantos”. Os visitantes, indican desde o Auriense FG, “non deixaron de tentalo en ningún momento pero a distancia mantívose ao final do partido e ficou en 10 tantos ao noso favor”.

Malos resultados en rugby

Polo que respecta ao rugby, o Campus Universitario Ourense “sucumbiu ante o filial do VRAC de Valladolid”, segundo explican desde o club. A derrota, recalcan, “foi unha vez máis pola mínima dun só punto, 13-12, e deixa claro mal sabor de boca tras ter o partido nas nosas mans”. Alén do marcador, desde o equipo sinalan que a nota máis negativa foi as lesións de Moti e Joe. Con este resultado, que deixa ao equipo ourensán con dúas derrotas e dúas vitorias no que vai de tempada, o Campus Universitario Ourense sitúase quinto do seu grupo na división de honra B do rugby estatal.

Tamén sumou unha derrota esta fin de semana o equipo sénior do Campus Universitario Ourense, que perdeu 27-33 contra Mareantes RC na segunda división da liga galega de rugby.