DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A agrupación retoma os ensaios nas instalacións universitarias e vía telemática

As voces do coro volven a soar no campus

Coa participación de arredor dunha trintena de coralistas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 06/10/2020

Co inicio do curso académico 2020/201, o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum afrontou tamén a súa volta á “nova normalidade”. Baixo a dirección de Ruth González, a agrupación empezou xa os seus ensaios semanais, nos que se mestura actividade presencial nas instalacións universitarias e virtual. Neles está participando unha media de trinta cantores e cantoras. “O cambio máis significativo é conseguir que todos os membros do coro teñan a tranquilidade e seguridade de poder seguir cantando, cumprindo as normas sanitarias que debemos ter en conta”, comenta a responsable da agrupación.

“O balance de coralistas na primeira semana de ensaio, con restricións a dez persoas, foi bastante bo: un total de 26 coralistas asistiron aos ensaios na aula de música e sete asistiron de xeito telemático”, indica Ruth González. As persoas que optaron pola opción telemática, explica, comezaron os seus ensaios conectándose nas sesións presenciais a través de videochamada, podendo así seguir a actividade dos ensaios presenciais. Sobre o perfil dos cantores e cantoras do coro, a súa responsable apunta que os ensaios divídense por cordas e que en cada corda están asistindo de media unhas dez persoas: dez sopranos, dez altos e dez tenores e baixos. Arredor dun 65% das persoas que están participando, engade, son universitarios e universitarias, un 20% persoal da Universidade e un 15% unha mestura de antigos alumnos, profesores e persoas que non pertencen á UVigo. “Nas sopranos destacan en número as universitarias, nas altos unha mestura de estudantes, PAS e algunhas voces de fóra da Universidade. Nos baixos destacan tamén os estudantes universitarios e nos tenores membros de profesorado doutros centros e antigos alumnos da Universidade”, detalla Ruth González.

Ensaios con máscaras e outras medidas

Os ensaios, apunta a súa directora, están supeditados e vanse adaptando ás normas sanitarias de loita contra a covid-19, dando diferentes opcións (presencialidade ou modalidade virtual) para atender ás necesidades das e dos cantores. Segundo explica Ruth González, estes ensaios comezaron o 21 de setembro e organízanse divididos por cordas ou seccións e respectando o máximo de compoñentes permitidos en cada momento nun espazo pechado. Neste senso, sinala como o coro está tomando as pertinentes medidas sanitarias de loita contra a covid-19 e que abranguen alfombra desinfectante para os pés na entrada da aula; entrada separada das e dos coralistas; xeles hidroalcólicos para as mans; papel e desinfectante para as cadeiras; cadeiras dispostas en zigzag cunha distancia de máis de dous metros entre cada coralista; máscaras postas durante todo o tempo do ensaio; limpeza e ventilación da aula coas fiestras e porta abertas; intervalos de 5-10 minutos entre cada grupo e partituras dispoñibles na páxina web, no correo, no grupo de WhatsApp e fisicamente, gardadas con luvas desinfectadas nun plástico. En caso de ser preciso pola situación sanitaria, apunta, os ensaios pasarían a ser só vía telemática.

Co obxectivo de atender á nova realidade, ademais de adaptar os ensaios ao novo contexto, Ruth González sinala como o coro está preparando unha nova páxina web “que será pública para todo o mundo e na que os membros do coro terán acceso ao repertorio e audios e onde aparecerán documentos sobre o canto coral, fotos, historia do coro e futuras datas de concertos e gradacións”. O obxectivo de todas estas iniciativas é poder, atendendo ás esixencias sanitarias, dar continuidade ao proxecto dun coro que pretende ser “un coro educador, aberto, cooperativo, inclusivo e interxeracional” e do que Ruth González vén de tomar a dirección. “A expectativa a curto prazo é facilitar a todos os meus compañeiros a volta aos ensaios, comezando a traballar cun ritmo estable e onde sintan seguridade e ledicia, adaptando o repertorio ás condicións que vivimos nestes tempos”, destaca a responsable da agrupación.