DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 12º Festival Internacional de Teatro de Ourense iniciouse este mércores

'La voz dormida' esperta a programación do FITO

As representacións continuarán ata o 27 de outubro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 24/10/2019

Da man da compañía madrileña Euroscena e dunha historia ambientanda na loita de mulleres da posguerra española, o 12º Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) arrancou este mércores pola noite a súa actividade. Coa representación da obra La voz dormida no Teatro Principal deu inicio unha programación que se desenvolverá ata o  27 de outubro contando nesta ocasión co apoio económico do campus de Ourense, da Deputación e de Agadic.

Os espectadores que se achegaron á primeira sesión do certame puideron ver unha obra que segundo explican os seus responsables nace da man da escritora española Dulce Chacón e ambiéntase na posguerra española, concretamente “nun grupo de mulleres apresadas na madrileña prisión de Ventas que enarbora a bandeira da dignidade e o coraxe, como única arma posible para enfrontarse á humillación, a tortura e a morte”. A actriz Laura Toledo foi a encargada de desenvolver no escenario esta historia.

Cinco días de programación

La voz dormida foi a primeira das seis representacións que forman parte desta edición do FITO. Este xoves, no mesmo escenario e á mesma hora, ás 20.00 h, será a quenda de La miel es más dulce que la sangre, da compañía colombiana L’Explose. Trátase, indican desde o grupo, dunha peza que se somerxe no universo de Lorca “para reunir ao autor e á súa obra nun mesmo plano da realidade”. O terceiro día de festival, o día 25, a programación cambia de lugar e arrancará ás 19.00 h na rúa co espectáculo da compañía de circo-teatro Tresperté, de Andalucía, Oopart, e continuará ás 21.00 h no campus coa representación Chola a it girl, da nova compañía galega Artesa. O sábado e domingo a programación volverá ao Teatro Principal coa representación respectivamente de Hemos venido a darlo todo, do grupo galego Voadora, e Generación Why, de Teatro en Vilo. A primeira destas pezas é “un espectáculo con música en directo composta a partir dos sons que o home mandou ao espazo no 1977 nun disco de ouro” e a segunda achégase ás “esperanzas, ambicións e medos dunha xeración abrumada pola altura dos seus soños e expectativas”.