DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha mostra do artista Jacobo Bugarín e a comisaria María Marco

'Unha voz sen corpo entre muros' inaugura o curso na Sala Alterarte

Pode visitarse de balde ata o 22 de novembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 27/09/2019

A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, deu inicio este venres á súa programación do curso 2019/2020. Fíxoo coa inauguración da mostra Unha voz sen corpo entre muros (Procesos alterados da práctica curatorial vs. artística), do artista Jacobo Bugarín e comisariada por María Marco. A exposición pode verse de balde no pavillón I do campus ata o día 22 de novembro.

Durante a inauguración da mostra, Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte, amosou a súa satisfacción polo feito de que esta sala volva de novo un curso máis a abrir as súas portas, “que siga viva, que siga resistindo non é doado nos tempos nos que estamos”. A pesar de ser un espazo expositivo pequeno, o seu director recalcou como “conseguimos despois de tantos anos que Alterarte estea prestixiada” e que por ela “pase o máis destacado da profesión”.

Diálogo compartido

Pola súa banda, Jacobo Bugarín salientou na apertura da mostra a súa satisfacción por expor nunha sala que cualificou de “referente” e por facelo cun proxecto feito “cunha amiga”, con María Marco. “Este proxecto era unha oportunidade para encontrarme con ela, para encontrarme co espazo”, afirmou. Na súa intervención o artista apuntou como neste proxecto traballou “coa propia exposición como peza” e sobre a relación entre artista, comisaria e espazo. Na mostra, indicou, “hai como capas de información”, con, ademais de moito texto, “moitas imaxes, moitos obxectos e moitas cousas e moitas delas non teñen un significado claro agora mesmo senón que son máis relacións de formas entre partes que iremos construíndo xuntos”. “Isto que vemos non é máis que unha escusa para atoparnos, para dialogar sobre as cousas que nos importan”, recalcou o artista.

Sobre a mostra, a comisaria, que non puido acudir á súa inauguración, salienta como é “un proceso de traballo que reflexiona sobre si mesmo, onde imaxes, obxectos e textos debuxan unha cartografía dun relato efémero, afectivo, fragmentado”. “Unha voz sen corpo entre muros é un proxecto expositivo que podería ser infinito. En realidade é unha proposta metanarrativa, o traballo obxectual, o que se aprecia en sala, é unha escusa para repensar os roles, os tempos, os procesos e as metodoloxías expositivas institucionais clásicas. É unha exposición disidente e as súas pezas son suxeitos sensibles que desafían a ortodoxia”, explica María Marco.

A mostra, que forma parte do proxecto expositivo Estado Crítico 4. 15 Curador*s 15 Artistas, detallan os seus responsables, está composta por unha gran diversidade de pezas, desde texto e imaxes dos correos electrónicos e WhatsApp e fragmentos de audio da conversación telefónica entre o artista e a comisaria ata bosquexos de obras dos artistas Jorge Varela, Mauro Trastoy e Pablo Barreiro ou fotocopias modificadas de obras de Edu Valiña, Mónica Cabo, Andrés Senra e Wolfgang Tillmans, entre outros.