DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En funcionamento todos os días do ano, durante as vinte e catro horas do día

Xa está dispoñible na web a nova Sede electrónica da Universidade de Vigo

A idea é que en breve todo os procedementos de xestión universitaria poidan realizarse en liña

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • TIC
  • Institucional
D. Besadío DUVI 16/03/2020

Impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica. Esa era a idea coa que hai case un ano se aprobara en Consello de Goberno o denominado Regulamento da Sede Electrónica. Deste esta semana isto é xa unha realidade co lanzamento desta nova Sede electrónica da Universidade de Vigo, un recurso co que o goberno da institución académica viguesa busca potenciar a mellora da calidade do servizo ofrecido á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral, convertendo a UVigo nun modelo que poida servir de referente para o desenvolvemento da chamada administración electrónica no eido universitario.

Tal e como se especifica na súa web a nova Sede electrónica da Universidade de Vigo vai estar dispoñible todos os días do ano, durante as vinte e catro horas do día, sen prexuízo das interrupcións técnicas que sexan imprescindibles, considerándose inhábiles, para os efectos do cómputo de prazos, os sábados, os domingos e os días declarados como festas laborais -para o ano 2020, na Universidade de Vigo, son os que figuran na instrución xerencial sobre calendario laboral-.

Alumnado, PDI e PAS serán os primeiros e principais beneficiarios

Alumnado, PDI e PAS serán os primeiros e principais beneficiarios da denominada sede electrónica da UVigo. “Todo aquel docente ou persoal de administración e servizos que queira tramitar calquera tipo de documentación non vai ter que facelo vía rexistro presencial, senón que pode facelo directamente a través da sede electrónica”, explica o vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, José Luis Míguez Tabarés. “O único que ten que facer, coas súas correspondentes autorizacións de clave, é subilo á plataforma e envialo”, engade o vicerreitor, quen tamén fai fincapé en que a nova sede recollerá todos os procedementos de uso universitario. Se ben polo momento aínda non están todos dispoñibles a idea é que, en canto sexa posible, xa se poida acceder vía web a todos eles. 

No catálogo de procedementos xa en vigor atópanse cuestións como e emisión do certificado de docencia en grao e mestrado, a folla de servizos, a alta de provedores e acredores da Universidade de Vigo ou a posibilidade de realizar instancias xenéricas. A idea, segundo explica o vicerreitor, é ir ampliando este catálogo ata que “absolutamente todos” os procedementos universitarios poidan realizarse de xeito electrónico. “Hai procedementos  como as axudas de acción social que aínda non están dispoñibles, pero que estarán en breve, pois xa temos todo practicamente listo para que esta xestión poida tamén realizarse a través da sede”, aclara Míguez.

Cada un dos procedementos dispoñibles vai acompañado dunha descrición de en que consiste ese trámite, a quen vai dirixido, como debe facerse, que documentación se require, así como calquera outra observación que se considere de interese, caso, por exemplo, do tempo de tramitación.

Medidas de seguridade que garanten a confidencialidade

A sede electrónica está dotada das medidas de seguridade que garanten a confidencialidade, a autenticidade e a integridade do seu contido, así como o acceso permanente a ela, con subxección aos requisitos previstos na LRXSP e no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica, ou as disposicións que, de ser o caso, as substitúan.

Para o seu funcionamento ordinario a sede electrónica fai uso dos diferentes mecanismos tecnolóxicos necesarios, tales como a sinatura electrónica, o selado de tempo e outros expostos nela, para dar fe da constancia da transmisión e da recepción das comunicacións, das súas datas, do contido íntegro delas e da identificación fidedigna do remitente e o do destinatario, así como do momento de inicio da difusión pública da información que aloxe, de ser o caso.