DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado na Facultade de Educación e Traballo Social

O xénero é unha variable que incide na competencia motriz obxectiva e percibida na adolescencia

Homes e mulleres dedican un tempo equiparable a realizar actividades físico-deportivas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Investigación
DUVI Ourense 15/07/2021

“Existen diferenzas significativas por motivos de xénero na competencia motriz obxectiva e na percibida, aínda que os hábitos físico-deportivos se atopan nunha tendencia positiva cara á igualdade. En concreto, comprobouse que nos varóns a competencia obxectiva asóciase coa percibida mentres que nas mulleres esta relación non existe”. Esta é unha das conclusións dun estudo levado na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e no que se analizou a competencia motriz obxectiva e percibida en adolescentes desde un enfoque de xénero.

O estudo foi realizado por Elena Varcárcel coa dirección da profesora da Facultade de Educación e Traballo Social María del Pino Díaz, materializándose os seus resultados no traballo fin de estudos da primeira no Mestrado en Intervención Multidisciplinar na Diversidade de Contextos Educativos. “A competencia motriz é importante para a saúde física e mental. Todos temos o dereito de facer deporte para estar en forma e sentírmonos ben co noso corpo pero unha das variables que máis discriminan neste campo é o xénero”, sinala Elena Varcárcel. Neste contexto, a investigación tivo como obxectivo principal determinar a relación dos hábitos físico-deportivos, a competencia motriz obxectiva e a competencia motriz percibida de adolescentes dende un enfoque de xénero. Un total de 95 adolescentes cunha idade media de 15 anos participaron no estudo, no que se empregaron para a avaliación probas de competencia obxectiva e unha enquisa de competencia percibida.

Hábitos e competencias

Con respecto aos hábitos físico-deportivos, os resultados indican que homes e mulleres dedican un tempo equiparable a este tipo de prácticas, presentando en ambos casos “niveis de hábitos satisfactorios”. “Esta tendencia cara á igualdade pode explicarse polos cambios nos roles sociais de cada xénero e pola divulgación dos beneficios da práctica deportiva para a saúde, tanto física como mental”, afirma Elena Varcárcel. Ademais, engade, “os referentes femininos cada vez teñen máis visibilidade por parte dos medios de comunicación, o que incide nunhas maiores expectativas de éxito no ámbito deportivo para as mulleres.” Porén, o estudo sinala que os varóns “realizan máis actividades de carácter colectivo que as mulleres, aínda que as diferenzas non chegan a ser significativas”. En ambos casos existe unha alta preferencia por actividades individuais apuntando as investigadoras que “isto pódese deber á situación actual de pandemia pola covid-19, xa que o risco que supón facer actividades colectivas levou a algún dos participantes a cambialas por outras de tipo individual”.

En relación coa competencia motriz obxectiva, os resultados acadados no estudo de homes e mulleres “son positivos”. “Como se agardaba, os homes amosan unha competencia motriz obxectiva significativamente superior en todas as habilidades, con excepción do rendemento mostrado nas habilidades manipulativas. Pódese explicar polas características fisiolóxicas que distinguen a homes e mulleres, xa que, en xeral, os varóns teñen maior forza e resistencia. Porén, as habilidades manipulativas non requiren destes dous compoñentes, polo que os resultados entre ambos xéneros non difiren significativamente”, recóllese no traballo. Con respecto á competencia motriz percibida, sinálase no traballo que todos os suxeitos da investigación amosan “unha competencia motriz percibida positiva”. “Non obstante, as mulleres mostran unha competencia motriz percibida inferior á dos homes. Algúns dos aspectos explicativos poden ser que se perciben peor en habilidades relacionadas con deportes que, tradicionalmente, se asocian ao masculino (fútbol, baloncesto…) e en cuestións relativas á opinión dos demais e á súa comparación co resto do alumnado”, recolle o estudo.

Polo que respecta á relación entre a competencia motriz obxectiva e a percibida, no traballo indícase que presenta diferenzas en función do xénero. “En xeral, nos homes a competencia motriz obxectiva relaciónase coa competencia motriz percibida. Pola contra, nas mulleres, non existe relación. Polo tanto, sobre todo as mulleres cun nivel baixo de competencia obxectiva son un grupo de risco, xa que a súa competencia percibida será baixa e incidirá na creación dun autoconcepto e identidade pouco saudables”, indican as investigadores. Ante estes resultados, apuntan que “é necesario coñecer as causas destas diverxencias para intervir a nivel educativo e social, coa finalidade de garantir o dereito de todas as persoas a estar en forma e sentirse ben”.

Como conclusión, no traballo destácase que “o xénero é unha variable que incide tanto na competencia motriz obxectiva como na percibida, aínda que os hábitos físico-deportivos cada vez son máis equiparables entre homes e mulleres”.