DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCSS e da Comunicación acolle un obradoiro de iniciación nestas tecnoloxías

Xerando comunidade arredor da impresión 3D

O uso de materiais innovadores é un dos eixos do programa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI Pontevedra 07/11/2018

Con plataformas de software libre que permiten tanto utilizar como adaptar deseños xa existentes ou mesmo replicar unha impresora, e múltiples aplicacións, que van da elaboración de prototipos á reparación de equipamentos, a impresión 3D constitúe un campo con moitas posibilidades, que, un ano máis, centra un dos talleres inseridos no programa de obradoiros impulsados pola Vicerreitoría do campus. “A razón básica pola que comezamos con este tipo de obradoiros é para que se estendera a comunidade do 3D dentro do campus”, sinala o técnico audiovisual da Universidade Vicente López Díaz, Txapu, responsable, xunto co técnico informático José Manuel Rodríguez, do taller de 30 horas que entre os meses de outubro e decembro se desenvolve na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Iniciación á impresión 3D con materiais innovadores é o título dun curso que, dando continuidade a obradoiros anteriores, pon o foco, entre outras cuestións, na evolución vivida nos últimos anos no eido da impresión tridimensional, “xa que hai un anos basicamente traballabas con dous tipos de filamento e agora existen moitos máis materiais, como filamentos con partículas metálicas ou filamentos imitando a madeira”, salientan os responsables do taller. Un obradoiro que, como sinala López Díaz, ten como primeiro obxectivo que o alumnado “lle vaia perdendo o medo” a esta tecnoloxía a través dunha abordaxe fundamentalmente práctica, que abrangue desde probar como funcionan os distintos materiais ao manexo de plataformas nas que descargar ou modificar deseños xa realizados para impresoras 3D ou a preparación de deseños propios. 

De feito, entre os dez matriculados e matriculadas nun curso que reúne tanto a alumnado do campus como a persoas alleas á comunidade universitaria, figuran tanto aqueles que viven o seu primeiro contacto con estas tecnoloxías como alumnos que xa asistiron ás edicións anteriores “e que queren aprende cousas novas”. Nese senso, os responsables do taller convidan aos e ás asistentes a achegar ao obradoiro ideas de pezas que queiran deseñar e imprimir. “Eles escollen o que queren imprimir e a idea é que teñan que atoparse cos problemas que isto implica e resolvelos”, sinalan os responsables dun curso que nese senso trata de motivar ao alumnado traballando en pezas “que saiban que lles vai valer para algo, ás que xa lle buscaron previamente unha utilidade”. 

Cinco novos obradoiros para novembro

Este curso de iniciación ao 3D forma parte da oferta de obradoiros impulsada polo primeiro cuadrimestre pola Vicerreitoría do campus, que recentemente impulsaba tamén, ao abeiro do  Campus Crea, cinco novos talleres, gratuítos e abertos ao conxunto da comunidade universitaria. Tres deles, o Obradoiro práctico de cociña saudable para cerebros ocupados, o curso de iniciación a robótica educativa e o taller Fab-Lab no campo expandido. Planificar-construír manteñen aberto ata este xoves o seu período de inscrición, existindo tamén prazas vacantes tanto no curso O viño: ciencia, cultura e territorio, que se desenvolverá os días 15, 19 e 22 na Casa das Campás e no Pazo de Mugartegui, como no taller A gamificación como ferramenta de innovación e motivación na aula, que se desenvolverá do 22 ao 30 de novembro na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría.