DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Debido á pandemia celebrouse este mércores de xeito non presencial

A XII Olimpíada de Xeoloxía pon a proba os coñecementos de 78 estudantes de institutos de Ourense e Pontevedra

A Facultade de Ciencias e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía son sedes provinciais desta cita

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Ourense 24/02/2021

78 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato das provincias de Ourense e Pontevedra participaron este mércores na celebración da XII Olimpíada de Xeoloxía. A Facultade de Ciencias do campus de Ourense e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía do campus de Vigo foron unha vez máis sedes provinciais da fase galega desta cita. Porén, debido á pandemia, nesta ocasión a competición non se puido celebrar nas súas instalacións senón que se desenvolveu en formato non presencial, co alumnado competindo desde os seus respectivos institutos a través de diversas plataformas virtuais, empregándose no caso de Pontevedra as plataforma Moovi e Campus Remoto da Universidade de Vigo.

A olimpíada, explican desde a súa organización, é unha actividade educativa organizada pola Sociedade Xeolóxica Española e a Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra que ten entre os seus obxectivos fomentar o interese polos contidos propios da Xeoloxía e do conxunto das Ciencias da Terra; animar ao alumnado participante a comezar estudos universitarios relacionados coa Xeoloxía e destacar a importancia da preservación do medio natural. Nesta edición, 160 estudantes de ESO e Bacharelato de Galicia participaron na cita, dato que desde a súa organización consideran un éxito tendo en conta as limitacións provocada pola pandemia, que obrigou a por exemplo restrinxir a participación por centro.

Probas en grupo e individuais

No caso de Ourense competiron nesta edición 28 estudantes dos centros CPI Virxe da Saleta de Cea, IES O Ribeiro de Ribadavia, IES Río Cabe de Monforte de Lemos (incluído pola súa proximidade xeográfica neste grupo da sede de Ourense), e IES Ferro Couselo de Ourense, que foron recibidos virtualmente por Juan Carlos Nóvoa, vicedecano da Facultade de Ciencias, e María Salud Gago, en nome da organización da olimpíada. No caso de Pontevedra, participaron 50 estudantes de seis centros da provincia, concretamente dos institutos de Educación Secundaria Beade (Vigo), Castelao (Vigo), Teis (Vigo), Primeiro de Marzo (Baiona), Ribeira do Louro (Porriño) e Terra de Turonio (Gondomar), que foron recibidos tamén de xeito virtual por Elena Alonso Prieto, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, e por Alicia López, delegada en Galicia da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra.

“Actividades coma esta axudan a fomentar o interese polos estudos e contidos relacionados coas Ciencias da Terra e contribúen a xerar vocacións científicas e tecnolóxicas entre o estudantado que participa neste probas”, explicou a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo. Do mesmo xeito, Juan Carlos Nóvoa Muñoz, vicedecano da Faculta de Ciencias, destacou a importancia deste tipo de actividades “para promover a interacción entre os estudantes de Secundaria e Bacharelato e o ámbito universitario”.

As probas da olimpíada celebráronse ao longo da mañá, incluíndo un exame teórico tipo test e unha proba práctica, unha xincana virtual. Xa pola tarde está previsto que se dean a coñecer os nomes das e dos gañadores, entregándose un premio ao mellor equipo e tres premios individuais (que se clasifican para a fase española da olimpíada, que está previsto que teña lugar o 17 de abril de 2021). No acto de clausura no caso de Ourense está previsto que participe Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense.