DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase na Facultade de Filoloxía do 13 ao 15 de xuño de 2018

O XIII Congreso Internacional de Lingüística Xeral centrarase nos problemas relacionados co plurilingüismo nas sociedades contemporáneas

Reunirá en Vigo arredor de 400 especialistas en América, Asia e Europa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 26/03/2018

Desde aquela, o CILX achegou un amplo e fecundo diálogo bienal sobre a investigación en Lingüística, con paradas en Granada (1996), Salamanca (1998), Cádiz (2000), León (2002), Santiago de Compostela (2004), Barcelona (2006), Madrid (2008), Valladolid (2010), Zaragoza (2012), Pamplona (2014) e Alcalá de Henares (2016).

O CILX2018 contará no seu programa con ponencias plenarias, comunicacións orais, paneis temáticos e pósteres, que abranguerán as diferentes áreas, metodoloxías e perspectivas teóricas relacionadas co estudo da linguaxe e as linguas. O XIII Congreso Internacional de Lingüística Xeral vai estar acompañado polo II Seminario-Asamblea de EDiSo (a Asociación de Estudos sobre Discurso e Sociedade), que terá lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo o 12 de xuño de 2018, o día anterior ao comezo de CILX2018.

Á fronte do comité de organización están os profesores Maruxa Cabeza, Fernando Ramallo e Jose Mª García-Miguel. Explican que se trata dun congreso de “corte xeralista” organizado por primeira vez na Universidade de Vigo. Co prazo de matrícula aberto ata o mes de xuño, lembran que na anterior edición, en Alcalá de Henares, participaron con 400 persoas, e ese é o obxectivo. Maruxa Cabeza explica que en orixe, este congreso céntrase na lingüística xeral, pero co paso de tempo foise abrindo a outras áreas e agora mesmo preto do 70% das comunicacións recibidas corresponden a outras áreas da lingüística. O selo desta edición será atender a cuestións e problemas relacionados principalmente co plurilingüismo nas sociedades contemporáneas, ben sexa por seren territorios con varios idiomas, polos movementos migratorios, pola atención a minorías, pola necesidade de aprender unha segunda lingua etc.

Para a edición viguesa, o comité organizador recibiu arredor de 400 propostas de comunicacións procedentes de todo o mundo. “Sorprende a cantidade de especialistas de Brasil”, apunta, aos que se suman as procedentes de EEUU, Chile, Arxentina ou China e, en Europa, principalmente de Portugal, Francia e Italia pero tamén de Croacia, Polonia, Bélxica e mesmo da Universidade de Kazán, en Rusia. En total presentaranse arredor de 400 comunicacións, entre os paneis temáticos, as plenarias e os relatorios.

Os contidos artellaranse arredor de 12 paneis temáticos, estratexia da organización para delimitar debates arredor dos temas máis actuais, as tendencias e os problemas da lingüística. Neste contexto abordarase temas como “as cuestión relacionadas coa aprendizaxe e a adquisición de linguas, os neofalantes, as realidades das grandes linguas coloniais e o pluricentrismo ou as situación derivadas do bilingüismo como o spanglish ou a lingua de signos”.

Conferencias plenarias e paneis temáticos

O congreso contará con tres conferencias plenarias de destacados lingüistas. Por unha banda, Ofelia García, da City University of New York, impartirá un relatorio titulado El translanguaging y el plurilingüismo: Convergencias y divergencias: M. Antònia Martí, da Universitat de Barcelona, falará sobre modelos de semántica distribucional e Juan Carlos Moreno-Cabrera, da Autónoma de Madrid, ofrecerá unha conferencia sobre Lenguas de señas, historia de la lingüística y lingüística general.

As comunicacións organizaranse arredor de 12 paneis temáticos. Por unha banda, recolleranse traballos sobre a análise do discurso público, co obxectivo de  establecer un diálogo entre investigadores que traballen con datos procedentes da esfera pública e tamén se presentarán comunicacións sobre o Atlas Multimedia de Prosodia del Espacio Románico (AMPER), sobre biolingüística 2.0 e a linguaxe na fronteira entre a bioloxía e a cultura e sobre as claves para entender o multingüismo contemporáneo. Outros dos paneis temáticos centraranse no ensino e aprendizaxe da lingüística na educación secundaria e na universidade que teñen como alumnado aos chamados nativos dixitais ou ‘millenials’, e nas etnografías da superdiversidade lingüística, que se caracteriza polas dinámicas relacións entre as diversas comunidades de migrantes, conectadas transnacionalmente e estratificadas polo seu estatus socio-económico e legal. Abordaranse tamén temas como a relación entre o inglés e o español nos EEUU e a complexidade desta situación lingüística, a cuestión do xénero dende un punto de vista estritamente lingüístico, a lexicoloxía enaccionista, os neofalantes de linguas da península ibérica, unha reflexión sintáctica na historia gramatical hispánica entre 1492 e 1943 e un derradeiro penal incluíra estudos sobre a variación lingüística e o pluricentrismo.