DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade celebrouse este mércores na Facultade de Dereito

Unha xornada afonda na vulnerabilidade da muller traballadora ante a dixitalización

A precariedade laboral foi un dos aspectos abordados

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Igualdade
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 16/10/2019

A vulnerabilidade da muller traballadora ante a dixitalización do mercado laboral foi o tema central dunhas xornadas celebradas este mércores na Facultade de Dereito do campus de Ourense. Baixo o título Precariedade da traballadora ante os empregos dixitais atípicos, a cita reuniu a tres especialistas para expor algunha das claves dos retos que desde unha perspectiva de xénero afronta a muller ante a revolución tecnolóxica.

A actividade estivo coordinada polas profesoras de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Marta Fernández e Francisca Fernández Prol, que destacaron como a actividade, financiada pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, pretendeu, “con vocación de formación pero tamén de servizo público” ofrecer ás persoas asistentes un achegamento a cuestións de actualidade no eido laboral. A xornada, lembraron, desenvolveuse no marco do proxecto de investigación no que participan, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Os dereitos fundamentais ante as transformacións laborais na era dixital.

Tres visións

Fernando Lousada, maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e profesor da Universidade da Coruña, abriu a xornada falando de Vulnerabilidade social e discriminación múltiple das mulleres no mercado de traballo. Na súa intervención abordou os casos nos que se dan varias causas de discriminación que se acumulan e como, a consecuencia desa acumulación, pódese detectar a unha persoa que está discriminada, persoa que non se detectaría se se aplicaran separadamente as diferentes causas de discriminación. Como un exemplo típico, explicou un caso acontecido en Estados Unidos no unha muller negra quería entrar a traballar nunha fábrica na que por razón de estereotipos culturais e sociais había contratados homes negros en fábrica e mulleres brancas en tarefas administrativas. Se se analiza separadamente o caso, apuntou, a resposta a se a empresa estaba discriminando por razón de sexo sería non, xa que contrataba mulleres, e a resposta a se estaba discriminado por razón de raza tamén sería non, xa que contrata homes de cor. “Pero ao final a muller de raza negra estaba sendo discriminada”, resumiu o maxistrado.

A xornada tamén contou coa participación de Lourdes Mella, catedrática de Dereito do Traballo da Universidade de Santiago de Compostela, que falou sobre Muller, dixitalización e precariedade. “A idea que quero transmitir é que temos que evitar que nos traballos do futuro, que serán maioritariamente dixitais, as mulleres teñan empregos precarios como teñen actualmente. Para iso, o que teñen que estar é formadas, cualificadas, con competencias técnicas e dixitais”, afirmou a catedrática. As mulleres, recalcou Lourdes Mella, “non podemos perdernos a seguinte revolución tecnolóxica, temos que estar preparadas”, lembrado como os empregos dixitais son os de maiores salarios e mellores condicións. Neste contexto, entre as propostas de mellora para conseguir que a muller se decante máis polos estudos de carácter tecnolóxico, a catedrática apostou por cambiar os plans de estudo para introducir máis contido tecnolóxico xa en Primaria; crear máis graos específicos; reformar a Formación Profesional en España e realizar máis actividades de concienciación nos centros para as rapazas.  

Por último, M.ª Reyes Martínez, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de León, interveu sobre Traballo atípico e perspectiva de xénero en materia de protección social, achegándose a como inflúe a dixitalización na supervivencia e sostibilidade dos sistemas de seguridade social. “Na medida en que estamos dixitalizando os procesos produtivos desaparecen postos de traballo que conlevan a desaparición de cotizacións e que poden estar pondo en risco o financiamento do sistema”, dixo a catedrática. Neste contexto, apuntou, xorden debates sobre “se vai ser posible gravar con cotizacións de seguridade social os traballos dos robots, se se vai poñer un imposto robótico ou se deberemos tender a outras formas de financiamento que pasen por unha renda básica universal”. Na súa intervención esta experta tamén falou da dixitalización “que xa está aquí” ofrecendo  unha lectura de xénero en materia de protección social e precariedade laboral. “En moitas ocasións son as mulleres as que realizan traballos máis precarios, a tempo parcial, que van a ter unha tradución en materia de protección social, como nas pensións de xubilación”, lembrou M.ª Reyes Martínez.