DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita estivo organizada no marco das actividades da rede Aqua-Cibus

Unha xornada afondou nos últimos avances en detección de biotoxinas

As intervencións centráronse no uso de espectrometría de masas

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 30/05/2018

A principios deste ano e liderada polo Cento de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias (Cia3) da Universidade de Vigo, botou a andar con sede no campus de Ourense a rede Aqua-Cibus. O seu obxectivo é promover unha acuicultura de calidade, competitiva e sostible en Iberoamérica a través da cooperación científica e tecnolóxica. No marco da súa actividade, este mércores a Facultade de Ciencias acolleu a xornada Avances en LC/MS/MS para dar resposta aos desafíos en acuicultura.

Organizada polo Grupo AA1 da Universidade de Vigo e a empresa líder en aparellos de espectrometría de masas Sciex, a xornada centrouse no uso das analíticas de alta resolución para determinar, entre outros aspectos, contaminantes, residuos e biotoxinas en distintas etapas da produción acuícola. Ao longo da sesión, as e os relatores explicaron a tecnoloxía da aplicación conxunta da cromatografía líquida (LC) coa espectrometría de masas (MS), tanto o seu actual estado de desenvolvemento como os seus retos de futuro. A espectrometría de masas é unha técnica de análise que permite determinar a distribución das moléculas dunha substancia en función da súa masa. 

Jesús Simal, director do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo e da rede Aqua-Cibus, e Javier Lago, delegado para Galicia de Sciex Spain, foron os encargados de inaugurar a cita que se celebrou no campus. A xornada, sinalou Jesús Simal, “aborda o potencial de todas estas técnicas de espectrometría de masas de alta resolución en combinación coa tecnoloxía de separación cromatográfica para afrontar os novos desafíos da investigación en acuicultura”. O interese neste eido, engadiu, enmárcase na rede Aqua-Cibus e máis concretamente nos seu catro eixes de actuación que abranguen toda a cadea de valor do sector, como son a mellora de cultivos existentes e novos cultivos; a sanidade e nutrición animal; a contaminación de impacto ambiental e a valorización de produtos e subprodutos da acuicultura. 

Metodoloxías de referencia

Lembrando as orixes da empresa en 1970 e como foi a primeira en comercializar un espectrómetro de masas, Javier Lago salientou como na actualidade na península ibérica hai arredor de 300 destes equipos funcionando e como se ten convertido nunha técnica desenvolvida en múltiples campos e ámbitos de aplicación, como a farmacoloxía, o diagnóstico clínico, a ciencia forense, o medio ambiente, a alimentación e a investigación básica. “No caso de Galicia, decidimos orientar esta xornada nas novas técnicas de espectrometría de masas en aplicacións relacionadas coa acuicultura tendo en conta que este sector é importantísimo en Galicia”, comentou Lago. No eido da acuicultura, detallou, pódese empregar desde para a detección de toxinas ata a detección de contaminantes.    

Para afondar nas posibilidades desta técnica, a xornada celebrada no campus de Ourense contou coa participación de Ana Gago, directora do Laboratorio de Referencia da Unión Europea para Biotoxinas Mariñas e profesora do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo; de Thierry Dagnac, do Agronomic and Agrarian Research Centre (Ingacal-Ciam) e Manuel Lolo, do AMS LAB, ademais de membros do equipo de Sciex. Ao longo das súas intervención, expuxeron os últimos avances tecnolóxicos no eido da espectrometría de masas, explicaron casos prácticas da súa aplicación e abordaron os retos e potencialidades de futuro desta tecnoloxía, centrándose especialmente no caso da acuicultura. 

Ana Gago foi a encargada de abrir o programa cunha intervención titula Estratexias para a determinación e confirmación de biotoxinas. Nela expuxo o traballo tanto no seu grupo de investigación como no laboratorio de referencia arredor desta cuestión. Así explicou os métodos de espectrometría de masas e cromatografía de referencia para o control de toxinas como as hipofílicas e as paralizantes, regulamentadas pola UE. Tamén abordou os novos desenvolvementos metodolóxicos que se están levando a cabo para toxinas emerxentes nas costas europeas, como as tetrodotoxinas.