DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar os días 15 e 22 de abril na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Unha xornada amosará como traballar con música, teatro e creación visual para educar en igualdade

Aberta ao público, poderá seguirse a través de Campus Remoto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Igualdade
  • Música
  • Teatro
  • Académica
DUVI Pontevedra 12/04/2021

Achegar unha serie de experiencias e prácticas creativas para enfocar a actividade docente desde unha perspectiva de xénero é un dos obxectivos centrais da xornada que os días 15 e 22 de abril achegará ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte unha serie de propostas sobre como desde a expresión visual, dramática e musical pode promoverse na aula unha reflexión sobre a igualdade de oportunidades. Promovida pola profesora Rut Martínez e o grupo de investigación Gies10, co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, a xornada Prácticas para a creatividade desde a perspectiva de xénero reunirá os relatorios que as docentes e investigadoras Sara Fernández Aguayo, Sara Domínguez Lloria e Lorena Arévalo centrarán no uso do teatro, da música e da creación visual como ferramentas para educar en igualdade.

“Cando falamos de creatividade desde unha perspectiva de xénero, falamos dun benestar social e persoal que pon o énfase no fomento da participación, cooperación, solidariedade, alteridade, respecto ou liberdade”, salienta Martínez López de Castro. De aí que destaque a necesidade de abordala nas aulas desde un “enfoque interdisciplinar” que contribúa “a busca e construción da identidade a través do expresivo e da emoción”, pero que ao mesmo tempo “mobilice o pensamento crítico e posibilite a confrontación e construción dunha cultura de xénero alternativa”. Partindo desa idea, un dos obxectivos destas xornadas é contribuír a que o alumnado adquira as competencias necesarias para a incorporación da perspectiva de xénero en “diferentes contextos da didáctica da expresión artística”, á vez que promover unha reflexión sobre o propio papel que o persoal docente pode xogar neste eido. Aberto ao público, este ciclo de conferencias poderá seguirse de xeito virtual, a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, accedendo ao salón de graos virtual da facultade e empregando o contrasinal X4TnvpPg no acceso para estudantado.

Teatro e música para rachar cos estereotipos

Trala súa presentación, prevista para as 16.00 horas, esta xornada arrancará este xoves 15 coa conferencia O teatro como ferramenta para o desenvolvemento da igualdade na aula, a cargo da doutora pola Universidade de Vigo e investigadora do grupo Gies10 Sara Fernández. Especialista en dramaterapia e profesora da UNIR, Fernández Aguayo buscará dar as coñecer as posibilidades do teatro como recurso didáctico, “co fin de que os futuros profesores sexan conscientes do seu potencial”. Nese senso, esta investigadora pon o acento na capacidade desta disciplina para “crear espazos seguros onde aprender dende a práctica, favorecendo así o desenvolvemento grupal e individual”, xa que, partindo do feito de que cada neno “ten unhas necesidades, gustos e intereses diferentes”, o teatro posibilita que cada quen poida “achegar ao grupo dende onde se atopa, de xeito creativo, expresivo e dinámico”. 

A continuación, a tamén doutora pola Universidade de Vigo Sara Domínguez afondará no potencial da música como ferramenta para educar en igualdade. Profesora de Didáctica da Expresión Musical na Universidade de Santiago de Compostela, Domínguez Lloria analizará neste relatorio “os principais estereotipos de xénero que se presentan nas cancións do repertorio popular” e que se empregan habitualmente nas aulas, para a partires de aí abordar como poderían empregarse como “unha ferramenta para o traballo da igualdade e a ruptura de estereotipos”. Así mesmo, a tamén investigadora do grupo Gies10 presentará nesta actividade unha “introdución teórico práctica acerca dunha técnica interdisciplinar para o traballo do ritmo e as artes plásticas”. 

Reflexionar e avaliar a través de imaxes

Doutora en Comunicación pola UVigo e profesora no Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga), Lorena Arévalo pechará esta actividade o xoves 22 cun relatorio titulado A creación visual como ferramenta de (auto)avaliación da aprendizaxe en igualdade. Partindo do feito de que a creación de imaxes, a través do debuxo, a pintura ou a fotografía, constitúe un “excelente instrumento de análise, tanto do mundo que nos rodea, como do modo no que o percibimos”, da variedade de disciplinas que engloba e da súa accesibilidade, este relatorio busca pór o foco no potencial da creación visual para “abordar realidades sensibles e complexas”. Con ese obxectivo, Arévalo proporá nesta sesión unha serie de “dinámicas de creación visual con perspectiva de xénero” que por unha banda buscan promover unha reflexión por parte do alumnado e que a súa vez constituirán “unha ferramenta complementaria” para que o profesorado poida avaliar os coñecementos adquiridos por nenas e nenos.