DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada pola asociación Adingor joven, liderada por dous investigadores da UVigo

Unha xornada para orientar aos futuros profesionais da Organización Industrial

Celebrarase o 8 de xullo de xeito virtual no marco do Congreso de Ingeniería de Organización (CIO)

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 29/06/2020

Comezar a carreira docente e investigadora é un proceso ao que os titulados e tituladas se enfrontan con multitude de incógnitas e dúbidas. Para crear un punto de encontro naceu hai xusto un ano a Adingor Joven, unha asociación centrada no eido da Organización Industrial, e liderada por dous investigadores novos do Grupo de Ingeniería de Organización da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo, Iván González e Mar Fernández. Nela agrúpanse investigadores novos de 12 universidades españolas que están comezando a súa carreira académica.

Agora, tras un primeiro ano centrado en poñer en marcha este colectivo, organizan o seu primeiro evento, unha xornada en liña e de balde que terá lugar o vindeiro 8 de xullo no marco do Congreso de Ingeniería de Organización (CIO). González e Fernández consideran que este pode ser un evento “de moito interese para diferentes colectivos, xa que o programa engloba unha sesión de orientación predoutoral, outra de orientación posdoutoral e, finalmente, unha sesión de docencia e aprendizaxe”. A xornada está orientada principalmente a persoas novas “que se están iniciando no eido académico”. 

Adingor Joven naceu ao abeiro da Asociación para el Desarrollo de la Ingeniería de Organización, presidida por el profesor J. Carlos Prado. Trátase dun colectivo nacional que ten como obxectivo o desenvolvemento, a difusión e a defensa desta disciplina e agrupa a todos os profesionais do mundo académico (profesores, investigadores…) relacionados coa enxeñaría de organización. Coa posta en marcha de Adingor Joven apostouse por agrupar a aquelas persoas que estaban comezando a desenvolver a súa carreira docente-investigadora “e cuxas preocupacións e intereses foran máis oi menos homoxéneas”. 

Adingor Joven, relatan os seus dous coordinadores, naceu con tres piares básicos. Por unha banda céntranse na docencia, co obxectivo de promover e apoiar a innovación docente (novas tecnoloxías, docencia online, gamificación, engagement), así como a actualización dos plans de estudo e os contidos para satisfacer as novas esixencias do mercado laboral. No que se refire ao eido da investigación, traballan para “fomentar e impulsar a investigación punteira no ámbito da Enxeñería de Organización, prestando especial atención aos mozos e mozas que se atopan nas primeiras etapas da carreira investigadora (período predoutoral, tese, etapa posdoutoral)”. Do mesmo xeito, tamén apostan por potenciar o networking e as colaboracións científicas entre os seus membros. Finalmente, o terceiro piar do colectivo é a promoción da transferencia do coñecemento e os novos avances científicos en Enxeñaría de Organización do ámbito académico á industria e ás administracións públicas. Neste sentido, desde Adingor Joven fan fincapé “na necesidade de compartir experiencias, leccións aprendidas e guías de boas prácticas, organizando e apoiando eventos para este fin”.

Tres sesións temáticas

A xornada desenvolverase en tres sesións de traballo. A primeira delas, de 09.30 a 11.30 h, centrarase na orientación na etapa predoutoral, co obxectivo de “difundir, dar a coñecer e describir experiencias” da parte máis inicial da carreira investigadora, é dicir, “a tese de doutoramento”. Nesta parta da xornada exporanse unha serie de cuestións como “o camiño a seguir para a elaboración da tese, os tipos de teses que existen, etc. para pechar cunha mesa redonda coa participación de estudantes de doutoramento que relatarán as súas experiencias neste proceso. 

A segunda sesión, de 12.00 a 14.00 horas, centrarase na etapa posterior, a que arranca tras a lectura da tese que, como explica Iván González, “é na que un se adoita plantexar cales son as opcións de futuro”. Para axudar a aquelas persoas que se atopan nese intre, a sesión conta nunha mesa redonda na que participan dúas persoas “que están avanzadas na súa etapa de posdoutoramento e poden contar a súa experiencia dende puntos de vista moi distintos: dende un eido completamente académico e dende unha empresa con vinculación coa universidade.

A xornada pecharase cunha sesión sobre a docencia e a aprendizaxe, que terá lugar de 17.00 a 19.00 horas. Nela abordaranse as novas tendencias e ferramentas académicas que están desenvolvendo os membros de Adingor joven, ao tempo que se darán a coñecer experiencias neste eido, como a docencia e aprendizaxe por proxectos, as ferramentas de engagement ou un “manual de supervivencia” do profesor novato, entre outras.

As mesas redondas serán moderadas por investigadores da UVigo e contan coa participación tamén de representantes de universidades como a Politécnica de Madrid, a Universidade do País Vasco, a de Burgos ou a de Sevilla.