DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na EU de Enxeñaría Técnica Forestal

Xornada de portas abertas para os alumnos de primeiro curso

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Lourdes Otero DUVI 25/09/2007

"Esta é unha carreira atractiva, interesante e nobre, pero tamén dura e sacrificada”. Deste xeito, definiu o máximo responsable da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal, Luis Ortíz, a titulación que dirixe, nun acto de presentación do novo curso aos alumnos matriculados en primeiro.
O obxectivo da xornada era dar a benvida aos novos estudantes e presentarlles a Universidade, a titulación que acaban de escoller e as instalacións nas que pasarán os vindeiros tres anos de estudo.
No acto, o director explicou as peculiaridades da Escola en relación con outros centros e sinalou que, “a pesar que esta é unha das máis pequenas, xunto con Fisioterapia, concentra case o 50% das investigacións do campus”. O noso obxectivo, sinalou, “é estar á vangarda, e para iso, contamos con equipamentos, laboratorios, aulas informatizadas, titorías continuas e numerosas prácticas en empresas”. Na súa intervención, Ortiz tamén fixo referencia á gratificación persoal de exercer esta profesión, “na cal, se traballa coa natureza e se fan cousas boas para a sociedade”.
En canto ao mercado laboral, o director da Escola sinalou ao sector forestal como peza fundamental para a economía da nosa comunidade, e apuntou que “ é a máis potente de todo o país, a metade da superficie forestal de España está en Galicia”, ademais remarcou que ”este é un sector que dá traballo a 20.000 persoas de xeito directo, e indirecto a 50.000”.
O director da Escola tampouco quixo esquecer o tema da integración no novo Espazo Europeo de Educación Superior. “A adaptación ao Plano de Boloña implicará cambios na docencia, nos programas de estudo e nas atribucións profesionais, e suporá, unha nova apertura de fronteiras e maior competencia no mercado laboral”, sinalou.

Programa

Ao longo da sesión, ademais das explicacións do director da Escola e dos subdirectores, Carlos Basalo e Henrique Lorenzo, os alumnos recibiron numerosa documentación onde se detallaban aspectos como plano de estudos, programas formativos e de intercambio ou as saídas profesionais. A xornada completouse coa proxección de diversos vídeos sobre a Universidade e a Escola, e unha visita guiada polas instalacións do centro e á Biblioteca Central do campus, onde puideron recibir in situ explicacións sobre o seu funcionamento e prestacións.