DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolveranse en formato virtual os días 12,19 e 26 de maio 

As Xornadas AER-UVigo apostan pola transversalidade na súa segunda edición 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 05/05/2021

Despois dunha primeira edición celebrada no ano 2020, na que os fabricantes líderes do sector da robótica industrial foron os protagonistas, as Xornadas AER-UVigo celebrarán a partir do vindeiro 12 de maio a súa segunda edición, marcada, desta volta, pola transversalidade. E é que nesta ocasión, segundo explican o docente e investigador da UVigo, José Ignacio Armesto, e o xerente de AER Automation, Alex Salvador, “respondendo á vontade de medrar, tanto no ámbito da automatización, como no da industria 4.0, convocáronse tres mesas con temáticas diversas: robótica industrial, robótica de servizo e automatización”.

As xornadas, organizadas pola Asociación Española de Robótica e Automatización e a Universidade de Vigo, celebraranse os días 12,19 e 26 de maio en formato dixital, co obxectivo de facer fincapé na necesidade imperiosa de automatizar e dixitalizar o tecido produtivo, “coa vontade de apoiar ás pemes industriais neste proceso e contribuír a situar o noso PIB industrial amplamente por riba do 20%”, explican Salvador e Armesto. Os organizadores agardan que a celebración das xornadas en formato virtual incremente o número de participantes da primeira edición, na que 250 persoas asistiron de xeito presencial. “Superar os asistentes presenciais da primeira edición vai supoñer un reto maiúsculo, aínda que a día hoxe, no evento creado a tal efecto na rede LinkedIn, inscribíronse máis de 400 persoas”, apuntan.

“Altísimo nivel” das e dos poñentes 

Preto de 20 directores e directoras xerais, comerciais ou de márketing doutros tantos asociados á entidade de referencia en España en robótica e automatización, participarán na segunda edición das xornadas que arrancarán o día 12 de maio, ás 10:00 horas, cun acto inaugural, e continuará cunha mesa redonda dedicada á robótica industrial. As sesións continuarán o 19 de maio cunha xornada, protagonizada por representantes de diferentes firmas na que se abordará a robótica de servizo, e finalizarán o 26 de maio coa derradeira mesa redonda das xornadas na que o protagonismo será para a automatización industrial.

Armesto e Salvador destacan “o altísimo nivel de todos e todas as participantes, que sen dúbida van achegar a todos os inscritos unha mirada lúcida e experta sobre como acometer con éxito os principais retos da industria 4.0. Por outra banda, desde a UVigo propuxemos para esta segunda edición das xornadas como moderadores e moderadoras destas mesas a profesionais do sector, egresados da UVigo, que traballan en centros tecnolóxicos galego de referencia Aimen, CTAG e Gradiant”, explican.