Organizadas pola Oficina de Proxectos Internacionais-Área Educativa
Unhas xornadas afondan nas novas oportunidades de financiamento europeo
As sesións arrancaron este mércores en Ourense e continuarán xoves en Vigo e Pontevedra
A Oficina de Proxectos Internacionais-Área Educativa (OPI) da Universidade de Vigo organiza esta semana nos tres campus as xornadas informativas Novas oportunidades de financiamento europeo 2025: proxectos educativos innovadores. A primeira sesión, que se puido seguir tamén de xeito virtual, tivo lugar este mércores no edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense e nela presentáronse en detalle as convocatorias de proxectos Erasmus+ 2025 e Europa Creativa, abordando as oportunidades para captar financiamento que ofrecen, as súas accións específicas e cambios relevantes nelas.
A programación arrancou cunha benvida a cargo de Mónica Villanueva, directora de Área do campus de Ourense, e Eva Garea, directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación (OPI). Esta última foi ademais a encarga de explicar as novidades das convocatorias europeas de proxectos Erasmus+ 2025 e o calendario de presentación de propostas KA2, KA3 e Jean Monnet. Tamén falou das novas convocatorias do Programa Europa Creativa. Pola súa banda, Diego Fernández, técnico de Promoción de Proxectos Internacionais de Investigación e Educación (OPI Ourense) foi o encargado de abordar os Erasmus Mundus e os Erasmus+ Capacity Building e Accións Jean Monnet no ámbito da educación superior. Por último, a profesora da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Elena Martínez falou do proxecto que coordina Tecbiofood como un exemplo de boas prácticas en proxectos CBHE.
As sesións continuarán, con similar programa, mañá xoves no campus de Vigo, na aula de grao da Escola de Enxeñaría Industrial, de 09.30 a 11.15 h, e no campus de Pontevedra, no seminario 13 da Facultade de Comunicación, de 12.30 a 14.30 h, podendo seguirse tamén on-line.