DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de evitar a dobre vitimización das mulleres por parte do sistema

Unhas xornadas afondarán na "violencia machista institucional"

Participarán profesionais do dereito, a medicina e o traballo social

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 28/04/2021

Un termo cada vez máis visible na sociedade cando se fala de vítimas de violencia de xénero é o de dobre vitimización. Con el preténdese expresar como mulleres en situacións de violencia viven unha segunda violencia cando son tratadas polo sistema, por exemplo cuestionando o seu testemuño. A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá o 3 de maio, a través do Campus Remoto da UVigo, a celebración da xornada Cómplices. A violencia machista institucional. Unha abordaxe integral. Nela, expertas de diferentes eidos, como o dereito, a medicina e o traballo social, abordarán como mellorar a acollida e atención ás mulleres en situación de violencia e evitar así esta dobre vitimización.

A iniciativa, que conta con financiamento da Unidade de Igualdade da UVigo, está organizada por Iria Vázquez Silva, profesora de Socioloxía da facultade ourensá, e nace en relación ao libro Cómplices. A violencia machista institucional, coordinado por esta docente. Sobre a violencia machista institucional, a responsable da xornada sinala que é un concepto que ten unha definición complexa, apuntando como só a lei de violencia de xénero de México o recolle explicitamente. “Pode definirse como aquela violencia que se dá cando se omiten os dereitos das mulleres, cando non se respectan os dereitos que teñen como vítimas de violencia de xénero, e se dá unha dobre vitimización delas”, comenta.

A dobre vitimización ou vitimización secundaria, explica Iria Vázquez Silva, xorde cando posteriormente á vivencia do delito, as mulleres en situación de violencia no seu contacto co sistema experimentan a sensación de recibir un trato obxectivante, de descoñecemento da súa calidade de suxeito de dereitos, de perda de tempo e excesiva burocratización, de incredulidade por parte dos operadores do sistema ou simplemente son ignoradas, entre outros aspectos. Como exemplo desta violencia apunta como nos xulgados aínda que as mulleres vítimas de violencia de xénero en principio teñen o dereito de non cruzarse co agresor ou coa súa familia na práctica en moitos xulgados non hai salas de espera separadas para vítimas e agresor e si se produce este encontro.

Formación interdisciplinar e integral

Neste contexto, Iria Vázquez Silva apunta como a abordaxe da violencia machista institucional “non é só unha cuestión orzamentaria, que tamén o é, senón que é unha cuestión de vontade política e de formación das persoas que atenden ás mulleres en situación de violencia”. Así, indica, “moitos dos problemas teñen que ver con falta de formación. Precisamos persoal e persoal ben formado, cunha formación interdisciplinar e integral”. Para traballar nestas carencias desde o eido universitario, a profesora indica que naceu esta xornada que se celebrará desde a Facultade de Educación e Traballo Social e que aínda que está dirixida especialmente á formación do alumnado do Grao de Traballo Social deste centro está aberta a todas as persoas interesadas.

O programa arrancará cunha intervención de Sheila Fernández Míguez, doutora en Dereito, titulada Se é machista, non é xustiza, centrada na "violencia institucional no eido xurídico". Seguiralle Lola Ferreiro Díaz, doutora en Medicina, que falará sobre "as violencias institucionais contra a saúde das mulleres". Pola súa banda, Olalla Villaronga Seoane, psicóloga social, ofrecerá unha conferencia titulada Sobre corpos e territorios vulnerados na que se achegará á especificidade das mulleres rurais na atención da violencia de xénero. Pechará o programa a intervención Mulleres nas marxes. Diversidade funcional e violencias machistas, a cargo de Ana Martínez González, traballadora social da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP).