DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de emprendedores do sector, terán lugar luns e martes en CCSS e da Comunicación

Unhas xornadas propoñen realizar a “autopsia” a diferentes videoxogos galegos

Inseridas na programación de actividades do Pont-Up Store

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 03/11/2022

Polas elevadas cifras de facturación desta industria e pola súa capacidade para xerar emprego e oportunidades de negocio, o sector dos videoxogos contou nos últimos anos cun espazo propio na programación do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que a Universidade de Vigo promove desde hai nove anos en Pontevedra. No obxectivo da súa organización de pór en marcha iniciativas ao longo de todo ano, fóra dos propios días do evento, nacen as Xornadas de Videoxogos e Emprendemento, que arrancan a vindeira semana na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación cun “ciclo de postmortem”, unha serie de encontros con profesionais do sector dirixidos a coñecer os erros e acertos que se suceden ao longo do proceso de creación dun xogo. 

“O obxectivo destas xornadas é coñecer de primeira man como foi o proceso de desenvolvemento de diferentes proxectos desenvolvidos en Galicia por emprendedores”, salientan os responsables dun ciclo que leva por título Game Over: ciclo de postmortem e que xorde da colaboración entre os grupos de investigación G4Plus e V-NPC, a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store e a Digital Monster Collective, unha das empresas participantes na última edición do Pont-Up Store. Coa participación de catro estudios e grupos de desenvolvemento de videoxogos e organizado coa colaboración da Concellería de Promoción Económica e Universidades, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e a Vicerreitoría do campus, este ciclo aberto ao público desenvolverase nas tardes do luns 7 e o martes 8 e poderá seguirse tamén a través de UVigoTV

Os acertos e errores de todo o proceso

“Tan importante é ser capaz de crear un proxecto e que vexa a luz como identificar que é o que non funcionou e como melloralo”, destacan os impulsores dun ciclo centrado na idea do “postmortem, que é unha das ferramentas coas que máis se pode aprender sobre o proceso de deseño de xogos”, como sinala a profesora Beatriz Legerén, responsable do grupo V-NPC. “É como facerlle a autopsia ao xogo”, engade dunhas xornadas nas que “pequenos estudios e grupos noveis de desenvolvemento de videoxogos veñen a contarnos como executaron os procesos de produción”. Nese senso, sinala, este ciclo busca non pór o foco no “como se fai”, senón no “como se fixo”, a través da experiencia vivida con videoxogos que xa están no mercado ao mercado. Este tipo de análise, engade, permite coñecer tanto os puntos fortes do proxecto, como posibles erros ou mesmo os “atrancos” que puideron darse ao longo do proceso de traballo e que non se ven reflectidos nun resultado final. Deste xeito, a idea é que estes coloquios permitan afondar desde na idea inicial do xogo e a organización do traballo de desenvolvemento, ata a fase final de lanzamento e mantemento do produto.

Con esa idea, o ciclo arrancará o luns coñecendo a experiencia de Iseltec no desenvolvemento de Avoo, un xogo de preguntas e respostas que afonda nos efectos das accións do ser humano sobre o medio ambiente. Nesa mesma xornada, Team Panda dará conta dos traballos para a creación de Azra, un xogo de plataformas aínda en desenvolvemento e polo que foron uns dos 20 semifinalistas dos premios PS Talents. Xa o martes, o ciclo contará coa participación das persoas responsables de Aruma, “un estudio novo, que acaba de lanzar o seu primeiro videoxogo”, Intruder in Antiquonia, e doutro, como lembra Legerén, “que xa leva varios anos traballando e que deseñou xogos que teñen moito éxito”, Overpowered Team, que falará dos seus proxectos Abyssals e Godstrike

A primeira dunha serie de actividades

Como explica o director do Pont-Up Store, o profesor Pedro Figueroa, esta será a primeira dunha serie de actividades, que se enmarcan nas Xornadas de Videoxogos e Emprendemento, nas que contarán coa participación de emprendedores e profesionais dun sector “no que en Galicia hai empresas moi interesantes” e que destaca polo seu potencial de "crecemento e xeración de emprego". De feito, lembra, os datos recollidos no último anuario da Asociación Española de Videojuegos sinalan que esta industria facturou no conxunto de España preto de 1,8 millóns de euros en 2020, contando os videoxogos con preto de 16 millóns de usuarios no país. Nese senso, Figueroa destaca o interese desta iniciativa tanto para os alumnos e alumnas da facultade “que queren desenvolver o seu futuro profesional neste sector, como para emprendedores actuais e futuros que están comezando o seu camiño” neste ámbito, así como para os propios afeccionados e afeccionadas aos videoxogos.