DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor recibiu 25 votos a favor, tres en branco e un en contra

Xosé Manuel Cid é elixido novo decano da Facultade de Educación e Traballo Social

Mar García pechou dous mandatos á fronte do centro agradecendo a colaboración de todos os colectivos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 16/09/2020

Xosé Manuel Cid foi elixido este mércores novo decano da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. A súa candidatura, a única presentada, acadou 25 votos a favor, tres en branco e un en contra dos membros da Xunta de Facultade. O profesor releva a Mar García despois de dous mandatos e seis anos á fronte deste centro. “Intentaremos respostar a esta confianza da facultade, confianza que dalgunha forma reflicte a nosa pretensión de abordar toda esta problemática que temos enriba pola pandemia todos xuntos, toda a facultade unida. Máis que unha votación á miña persoa como candidato o resultado é a expresión dunha vontade de tirar todos xuntos deste carro”, comentou Xosé Manuel Cid trala súa elección.  

A candidatura elixida inclúe como vicedecanos e vicedecanas a Pino Díaz, Isabel Mociño, Francisco Javier Aguiar e Manuel Vidal, abranguendo as diferentes titulacións do centro. Por primeira vez a secretaría estará ocupada por un membro do persoal de administración e servizos, Raquel María Iglesias. Sobre este equipo, Xosé Manuel Cid destacou no seu discurso ante a Xunta de Facultade como “traballaremos por servir á facultade con todas as nosas forzas, tanto as persoas que temos máis experiencia como a xente nova que achega ilusión e traballo rigoroso a este proxecto común”. Así, o profesor apuntou como un dos principais motivos polo que decidiu encabezar a candidatura foi “facer de ponte, pasar o testemuño á xente nova”.

No seu discurso, Xosé Manuel Cid quixo agradecer “a todos e todas o traballo de anos para colocar a facultade na situación na que está” salientando de Mar García “o traballo exemplar en primeira liña” realizado. Entre as liñas de traballo esbozadas para o mandato que comeza, o novo decano apuntou como a curto prazo traballarán para “coordinar cos profesionais de áreas administrativas e servizos a mellora de instalacións e adquisición de recursos para abordar a situación provocada pola pandemia”. Tamén subliñou a importancia de pór en valor todo o traballo realizado ao longo dos anos no ámbito da calidade e a visibilización das titulacións, ademais de continuar establecendo colaboracións tanto coa contorna máis próxima como co exterior. Neste senso, Xosé Manuel Cid destacou como “queremos afondar na adaptación dos nosos títulos á realidade galega e á nosa propia historia como institución: idioma, cultura, escola rural, convenios, ex-docentes e ex-estudantes”.  

“Como di Simeone, neste curso xogamos todos e todas. Se o colectivo foi importante durante os 20 anos que levamos de facultade, neste momento é imprescindible. Somos persoas diversas, pero todas queremos acadar o mesmo obxectivo: facer máis grande estas facultade”, dixo á Xunta de Facultade Xosé Manuel Cid, que foi en 2001 o primeiro decano do centro e que ten participando desde entón en todos os seus equipos decanais ben como decano ou ben como vicedecano. Por este motivo, entre outros elementos, o profesor recalcou a importancia de “escoitar á comunidade universitaria no seu conxunto” e da colaboración con todos os colectivos.

Balance de seis anos de traballo

Na súa despedida á fronte de Educación e Traballo Social, Mar García quixo “agradecer moitísimo o apoio que me brindaron tanto desde o centro como desde o equipo reitoral, que sempre estiveron dispostos a escoitar as demandas da facultade. Igualmente houbo moi bo clima cos decanos e directores dos demais centros do campus”. Así, a profesora destacou destes seis anos de traballo “a colaboración existente e o espazo de convivencia que tivemos”, amosando a súa convicción de que “na cooperación e a colaboración está a clave de que poidamos avanzar”. Como exemplo destas sinerxías lembrou como “conseguimos a colaboración cada vez maior de moitísimos docentes nas distintas tarefas. Iso foi moi positivo porque as cousas non se podían realizar só desde o equipo decanal, precisabamos a implicación de todos, profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado e creo que o conseguimos”.

Sobre os dous mandatos que agora rematan, Mar García salientou como “o balance é positivo” apuntando como “fixemos o que tiñamos no programa”. Neste senso, lembrou como o obxectivo era conseguir acreditar as titulacións, avanzando na innovación e na calidade da práctica educativa e indicou como “renováronse todos os títulos, tanto graos como mestrados e o programa de doutoramento. Pasamos o proceso de certificación, temos o selo de calidade e a acreditación institucional, foi un traballo intenso de todos”. No que se refire á captación de alumnado, a profesora comentou que se realizou “un bo labor” xa que “mantivemos os 1600 estudantes en todos estes seis anos e os títulos seguen tendo unha gran demanda e as taxas son moi positivas”. As melloras acadadas nas infraestruturas, a ampliación da colaboración con institucións, o proxecto de docencia en galego e a mellora do procedemento do practicum son outros dos aspectos que lembrou Mar García dos seus dous mandatos, recalcando como “intentamos sempre darlle á facultade unha visión máis inclusiva e interdisciplinar”.