DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Goberno autonómico aprobou este xoves o convenio coas institucións académicas

A Xunta e as universidades de Vigo e Santiago impulsarán un inventario forestal continuo de Galicia

O proxecto terá unha duración de tres anos e un orzamento de 640.000 euros

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 13/02/2020

O Consello da Xunta autorizou este xoves a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento do inventario forestal continuo de Galicia. O obxectivo desta iniciativa, segundo informou o Goberno galego, é establecer unha folla de ruta conxunta que permita, por unha banda, facer un seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas e, por outra, crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitoraxe forestal continuado. 

O orzamento total para o desenvolvemento do convenio ascende a máis de 640.000 euros, dos que 574.000 serán achegados pola Consellería do Medio Rural e outros 68.000 polas dúas universidades participantes. O convenio, que desde a Universidade de Vigo será coordinado pola Escola de Enxeñaría Forestal, terá unha duración de tres anos e rematará coa posta en marcha deste “inventario forestal continuo”. Nese senso, a Xunta sinalou que dispor de “información continua e precisa sobre o estado dos recursos dos montes é imprescindible para abordar as políticas forestais”, de tal xeito que estas non respondan só a problemas específicos, senón que fagan posible “valorar todos os aspectos de cada medida coa finalidade de mellorar a súa planificación estratéxica e económica”.

"Abordar este sistema de inventariado continuo suporá un importante pulo para o sector forestal e a comunidade científica", salienta o director da EE Forestal, Juan Picos, que destaca así mesmo como este convenio se aliña coa "planificación estratéxica" da propia escola do campus pontevedrés, á vez que "reforza a cooperación acordada" entre a EE Forestal e Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC. 

Uso de sensores remotos

Como lembrou a Xunta, a Universidade de Vigo e a USC “dispoñen das únicas unidades tecnocientíficas da comunidade especializadas en materia de inventariado forestal mediante o uso de sensores remotos”; recursos que constitúen unha “peza clave” dada a existencia en Galicia “dunha gran cantidade de superficies forestais de pequeno tamaño, máis complexas de inventariar”. De feito, tanto o grupo de investigación da Unidade de Xestión Forestal Sustentable da EPSE de Lugo, como as Áreas de Enxeñaría Agroforestal e Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría da EE Forestal están a desenvolver diferentes liñas de investigación relacionadas coa uso de tecnoloxía Lidar na xestión forestal.  Nese mesmo senso, Picos pon o acento en que "existía a necesidade de dispor dun sistema de monitorización propio para os recursos forestais en Galicia, debido as pequenas superficies das propiedades forestais e os rápidos crecementos de determinadas especies, que supoñen unha diferenza significativa co que acontece noutras partes do estado e que requiren de deseños, metodoloxías e prazos de actuación adaptados".

Por outra banda, este convenio permitirá a posta en marcha do plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia, ao permitir “diferenciar e coñecer con exactitude a superficie exacta”, tanto dos soutos como das novas plantacións existentes 

Deste xeito, sinala a Xunta, o Goberno autonómico beneficiarase da investigación á hora de elaborar as súas políticas sobre o monte, mentres que os investigadores e investigadoras disporán de “datos únicos conxuntos” para as súas análises científicas.