DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Julio Comesaña, Manuel Reigosa e Javier Puente asinaron hoxe o documento

Xunta e UVigo ratifican o convenio para impulsar a investigación biosanitaria na área sur de Galicia

É un paso decisivo para encarar a recta final da acreditación do IIS polo Instituto Carlos III 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 19/10/2021

Impulsar e potenciar o desenvolvemento do IIS Galicia Sur é o principal obxectivo do convenio asinado esta mañá, no Hospital Álvaro Cunqueiro, por parte do conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; e o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, como representante da Fundación Biomédica Galicia Sur. O documento, que reforza a parte xurídica e de xestión do Instituto e renova o anterior, senta as bases da nova política de investigación, ademais de adaptar as estruturas e os obxectivos á realidade científica actual e futura.

Nun anexo ao texto do convenio, detállanse as infraestruturas que achega cada un dos asinantes do convenio: unidades de Microscopía, Xenómica, de Cultivo Celular, Metodoloxía e Estatística, Biobanco e laboratorios por parte do Sergas; instalacións tanto do Cacti como do Cinbio, por parte da UVigo, mentres que, pola súa banda, a Fundación Biomédica Galicia Sur achega todo o persoal e traballo de xestión.  

A ratificación do convenio, que ten unha vixencia de catro anos, por parte da  Xunta, supón un paso decisivo para encarar a recta final da acreditación do  IIS Galicia Sur por parte do Instituto de Salud Carlos III, un obxectivo perseguido desde hai anos.

Crecemento da actividade en 2020

Con posterioridade á firma do convenio reuniuse o Consello Reitor do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, presidido polo conselleiro e do que é vicepresidente o reitor da UVigo. No transcurso da sesión o director científico do  IISGS, José Ramón Fernández Lorenzo, presentou unha síntese das principais actividades realizadas ao longo do exercicio de 2020, no que a pesar da situación de pandemia, que tamén afectou a diferentes ramas da investigación biomédica, o crecemento do Instituto foi constante no tempo.

Fernández Lorenzo explicou, entre outros, os datos dos 432 artigos científicos  indexados en distintas publicacións científicas, cun factor de impacto acumulado de 2.452, sensiblemente superior ao de exercicios anteriores. Foron 136 os proxectos de investigación activos, e  441 os estudos clínicos, dos que 123 foron asinados durante ese ano. No Instituto, dunha ou outra forma, traballan para a investigación 873 persoas, das que 515 son mulleres e as restantes 358, homes.

Incorporacións ao consello reitor

Na mesma reunión celebrada hoxe deuse a benvida aos novos vogais do consello reitor, que queda composto polo conselleiro de Sanidade, Julio García  Comesaña, como presidente e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, como vicepresidente. Como vogais do consello están o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Acis), Antonio Fernández-Campa; o director científico do  IISGS, José Ramón Fernández Lorenzo; a directora da Fundación Biomédica Galicia Sur, Beatriz Gil de Araújo; e os facultativos Alberto Fernández Villar, da Área Sanitaria de Vigo, e Juan  Turnes, da Área Sanitaria de Pontevedra e Salnés.

Por parte da Universidade de Vigo as e os vocais son:  Belén Rubio, vicerreitora de Investigación; Miguel Ángel Correa, director do  Cinbio; África González, docente e investigadora do departamento de  Inmunoloxía, e David Posada, investigador principal (IP) do grupo de Xenómica e Biomedicina.