DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita está organizada desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

O XXII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial reúne on-line a 200 participantes

Ao longo deste xoves e venres presentaranse 65 comunicacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 05/11/2020

Este xoves e venres organízase desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense o XXII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial, iniciativa do Círculo Ibérico de Economía Empresarial (Cibecem). A cita, que se celebra a través do Campus Remoto da UVigo debido á situación sanitaria provocada pola covid-19, está considerada como punto de encontro anual das e dos investigadores no eido da economía empresarial das universidades da raia lusa e española e conta coa participación de arredor de 200 persoas.

Cooperación entre países

Na inauguración da cita, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, indicou como a pesar da situación “como universidade temos que seguir intentado que haxa unha certa normalidade tanto no eido docente como da investigación”, polo que felicitou á organización polo mantemento deste evento de xeito virtual. Na crise económica derivada da pandemia, apuntou o reitor, “países irmáns” como España e Portugal teñen “un reto monumental pero teñen tamén unha aposta a nivel europeo que é moi importante, que pode facer que saiamos máis fortalecidos desta crise aínda que teñamos que pasar algúns anos con certas dificultades”. Neste contexto, subliñou a importancia de avanzar na cooperación transfronteiriza e no caso das universidades facer achegas con iniciativas coma este seminario “tanto ao coñecemento como o desenvolvemento económico das nosas rexións”.  

A relevancia da cooperación Galicia-Portugal tamén foi destacada por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, que participou na apertura do seminario a través dun vídeo gravado previamente. Feijóo, que lembrou como a pandemia provocou que “ao longo da raia tivemos que ver como se levantaba un muro administrativo”, reivindicou ante as e os asistentes “o vínculo imprescindible” existente entre España e Portugal e como esa relación se visibiliza en iniciativas coma este evento. “Temos que continuar traballando xuntos, iso levaranos a atopar maiores e mellores respostas a esta pandemia”, afirmou o presidente. Pola súa banda, Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, destacou na inauguración “a extraordinaria calidade” da programación do XXII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial e o feito de que “permite estreitar os vínculos entre as universidades lusas e españolas”. Xa en nome da Deputación de Ourense, o seu vicepresidente Rosendo Fernández, comentou como esta cita “é de grande interese para Ourense” e destacou dela o seu enfoque de cooperación e colaboración tanto entre países como entre entidades públicas e privadas.

Dous días de programación

O presidente de Cibecem, António João Coelho Sousa, explicou pola súa banda como a súa entidade “é unha estrutura de arredor de 15 anos que agrupa a profesorado, investigadores e alumnado de oito universidades ibéricas, catro españolas e catro lusas, coa particularidade de cubrir toda a raia de norte a sur”. Así, concretamente participan en Cibecem os departamentos da área das ciencias económicas e empresariais das universidades lusas de Évora, Algarve, Trás-os-Montes e Alto Douro e Beira Interior e as universidades españolas de Estremadura, Huelva, Salamanca e Vigo. Sobre a cita que celebra en Ourense, José Antonio Fraiz, responsable do comité organizado desta edición e director do Mestrado Universitario en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e Saúde da UVigo, explicou como a pesar da pandemia decidiron seguir coa realización do seminario de xeito virtual por tratarse dun evento “moi consolidado que había que seguir”. Así, o profesor subliñou como a organización recibiu máis dun centenar de traballos de máis de 20 institucións, con autores e autoras principalmente de Portugal e España pero tamén de Iberoamérica e do resto de Europa.

Tras a apertura oficial, o seminario, cuxa organización rota cada ano entre as universidades de Cibecem, arrancou cunha conferencia inaugural a cargo de Juan Paz, director da Unidade de Negocio Internacional de Estrella Galicia, sobre a internacionalización e os seus desafíos collendo como caso de análise o da súa empresa. Subliñando como “a internacionalización é cada vez máis decisiva” para o sector empresarial, Juan Paz debullou as claves da internacionalización dunha empresa de carácter familiar, “un diferencial moi importante que te permite ser independente”, segundo afirmou. Ademais desta intervención, esta edición do seminario contará con catro conferencias máis nas que se abordarán por parte de especialistas tanto lusos como españois temas como o modelo da Eurocidade Chaves-Verín, o “mindful travel”, as empresas e destinos turísticos na “nova normalidade” ou mesmo como publicar en revistas de alto impacto.

O XXII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial, que se organiza por segunda vez na súa historia desde o campus de Ourense, tamén conta cun intenso programa de presentación de 65 comunicacións, que se articularán arredor das temáticas de contabilidade e finanzas; prácticas e didáctica do ensino; estratexia e competitividade; recursos humanos e comportamento organizacional; márketing e márketing dixital; emprendemento e innovación; organización de empresas; responsabilidade social das organizacións; economía aplicada e xestión aplicada e xestión hoteleira e turismo. A diversidade das temáticas destas comunicacións é moi ampla, abranguendo desde a realidade e as expectativas do uso de competencias dixitais entre o alumnado universitario ata o efecto da pandemia sobre o comportamento do mercado. Os novos investigadores tamén terán espazo nesta cita nunha mesa de comunicacións e ademais haberá un taller sobre agronegocios e sostibilidade no que se presentarán once traballos sobre esta temática dun e doutro lado da raia e que se centran en aspectos tan diversos como a agricultura familiar no Huambo ata a economía circular para a produción primaria e a valorización de coprodutos.