DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense arrancou este xoves

A XXIV Miteu inicia a súa viaxe

Rosaura e Cordelia foron as encargadas de abrir a programación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 25/04/2019

A XXIV edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) xa está en marcha. As aulas universitarias de teatro do campus de Ourense Rosaura e Cordelia foron as encargadas este xoves de arrancar unha intensa programación que ata o 11 de maio traerá aos escenarios da cidade das Burgas 28 espectáculos, principalmente de teatro pero tamén de danza e música, nos que unha vez máis se aposta non só por divertir ao público senón tamén por provocar a reflexión.

Indo e vindo e O corpo estelar

Aínda que con moitas limitacións pola intensa choiva que houbo este xoves, a Aula Universitaria de Ourense Rosaura, o primeiro nivel destas aulas, foi a encargada de iniciar a programación da mostra coa estrea da súa peza Indo e vindo no centro da cidade, entre a rúa do Paseo e os xardíns Padre Feijóo. Baixo a dirección de Sabela Gago, as e os 18 alumnos deste grupo amosaron ao público os froitos da formación de iniciación teatral desenvolvida desde principios deste curso académico nas aulas do campus universitario. “Indo e vindo é un traballo de exploración persoal para gozar en equipo. Amosamos no espazo urbano un espectáculo sobre a equipaxe coa que vivimos e soñamos”, explican desde Rosaura.

A temática elixida para a peza de arranque da programación da Miteu, detalla Sabela Gago, é “a viaxe, tanto a viaxe exterior como a interior dunha persoa. A viaxe que facemos coas experiencias que nos dá a vida”. Na súa representación, o alumnado, portando cada un a súa propia maleta, “sae á rúa en actitude de busca”, intentando dar unha visión do que pode ser unha viaxe desde moitos puntos de vista e suscitando a reflexión sobre a “a busca do teu estar na vida, das persoas que queres atopar e dos lugares que queres habitar”, tal e como indica Sabela Gago.

Trala representación de Rosaura, a programación desprazouse ao Teatro Principal de Ourense, onde o segundo nivel das aulas teatrais do campus de Ourense, Cordelia, representou O corpo estelar. Baixo a dirección de Fina Calleja o alumnado deste grupo subiu ao escenario para representar unha obra inspirada en Santiago Loza e Alejandro Ricaño, “dous dos autores máis representativos da dramaturxia latinoamericana”, e que se achega á “exploración sobre os límites do dito e do vivido”. “Desde a memoria dese paraíso perdido que é a infancia, desde as marxes borrosas do recordo, coma se dunha película desenfocada se tratase, os dous autores bríndannos a oportunidade de explorar as sensacións da estrañeza, as fronteiras da normalidade”, salientan desde Cordelia.  

Dous de 28 espectáculos

Con esta programación arranca unha mostra que coma cada ano está organizada por Sarabela Teatro, dirixida por Fernando Dacosta e que conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Ourense, a Deputación Provincial de Ourense e a Xunta de Galicia. O certame trae nesta edición 28 espectáculos e 29 representacións que abranguen teatro de rúa, circo, teatro de actor e actriz, danza e música, buscando a multidisciplinariedade. Entre os grupos participantes mestúranse grupos profesionais e non profesionais, sendo os primeiros un terzo dos participantes. Ademais dunha forte presenza de grupos galegos, entre eles as aulas de teatro das diferentes universidades, están compañías de Portugal, México, Nicaragua, Costa Rica e Holanda e de comunidades autónomas como Madrid, Catalunya, Murcia, Castilla y León, Andalucía e Navarra. Estes grupos traerán diversión para o público pero tamén reflexión, salientando desde a organización a presenza de temáticas como as migracións e a muller e a participación dun grupo con membros con capacidades diversas.

Entre estas compañías, nesta edición da Miteu actúan para o público as catro aulas de teatro e a aula de danza do campus de Ourense e a aula de teatro da Universidade de Vigo. Así, ademais da participación este xoves de Rosaura e Cordelia, o domingo día 5 de maio, será a quenda de Geppetto, a Aula de Teatro Infantil de Ourense, que representará Aprendiz de bruxa no Auditorio Municipal, e da Aula de Teatro da Universidade de Vigo, que levará ao escenario do Teatro Principal a súa obra Círculo. A Aula Maricastaña será a encargada de pechar esta edición da Miteu o sábado 11 de maio coa estrea de Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse no Teatro Principal. Por último, a aula de danza do campus, chamada Dou-tras, organizará a 9º Encontro de Danza Interuniversitaria. Ademais, o campus de Ourense será un dos escenarios que acollerá diferentes actuacións e actividades da programación desta Miteu.