UNIVERSIDADE EUROPEA ATHENA

ATHENATHON 2023

Do 9 de maio ao 9 de xuño

UVigo - Internacional 25/04/2023

A Universidade de Vigo, xunto co resto de institucións membro de ATHENA comprácense en presentar a teceira edición do ATHENATHON, un evento deportivo que busca conseguir a distancia de 13 000 km, correspondente aos quilómetros que separan os campus da universidade europea.

Durante un mes, entre o 9 de maio e o 9 de xuño, convidamos o estudantado, o PDI e o PAS, así como a quen desexe participar, a unirse ao reto de acadar os 13.000 km.

O ano pasado, conseguimos alcanzar os 31 500 km grazas a participación de todos e todas. Nesta edición, queremos superar ese récord!

Esta iniciativa enmárcase nas accións da Comisión Europea a favor do patrimonio cultural que promovan unha visión máis global dunha Europa verde, sostible, resiliente e respectuosa co medio ambiente. Por este motivo, a igual ca nas edicións pasadas, só se contabilizarán os quilómetros realizados a través de actividades sostibles: correr, camiñar, nadar, bicicleta, sendeirismo, aqua-biking, patinaxe, correr en cintas, bicicleta estática, remo, piragüismo, esquí, esquí de fondo, patinaxe sobre xeo, escalada etc.

Para participar neste evento, existen dúas modalidades:

  • Presenta o número de quilómetros percorridos en Twitter, Facebook ou Instagram cos hashtags oficiais do evento #move4athena ou #athenathon xunto cunha captura de pantalla do rendemento na túa aplicación deportiva como proba.
  • Únete ao noso club Día Europeo ATHENATHON en Strava.  

Cada participante poderá contribuír ao reto tantas veces como queira e desde calquera lugar dentro e fóra de Europa!

 

Que gaño participando no ATHENATHON? 

O ATHENATHON non é unha competición, senón que é unha maneira de reunir os campus da universidade europea ATHENA así como de promover as mobilidades libres sostibles. Despois de todo, camiñar é unha actividade tipicamente europea!

Quen pode participar no ATHENATHON?

Convidamos o estudantado, o PDI e o PAS da Universidade Europea ATHENA a participar neste evento, no que tamén poderán unirse as persoas externas ás insttiucións académicas interesadas nesta actividade.

Como participar no ATHENATHON?

Hai dúas posibilidades: 

  1. Apúntate ao Club en Strava: “Europe Day ATHENATHON” e os teus quilómetros contabilizaranse de xeito automático no cómputo global. 
  2. Calcula a distancia percorrida coa axuda de calquera aplicación. Comparte esta distancia cun dos hashtags oficiais #move4athena ou #athenathon xunto cunha captura de pantalla da túa aplicación ou unha foto como proba. Se empregas Twitter, menciona @athena_europe na túa publicacion. Se usas  Instagram, engade @athena.europe e en Facebook, @athena.university.

Como rexistrarse en Strava?

Podes rexistrarte en Strava pero non é obrigatorio. Strava é un sitio web e unha aplicación que che permite seguir as túas actividades deportivas e que ademais integra funcionalidades de rede social. Podes descargala en www.strava.com na túa App Store, Google Play Store ou equivalente. Disporás dunha versión gratuita e outra de pago. Comproba que elixes ben a opción desexada. 

Podo participar cunha aplicación de deporte que non inclúa un GPS? 

Sumar os teus quilómetros no cómputo xeral é moito máis doado se empregas unha aplicación. Se che resulta imposible empregar unha, podes publicar a distancia realizada, unha descrición da actividade e unha foto como proba co hashtag #athenathon ou #move4athena, preferentemente en Twitter, engadindo @athena_europe.

Os meus datos persoais están protexidos?

Todos os datos recollidos con motivo do Europe Day ATHENATHON 2023 a través das aplicacións deportivas con GPS (elixidas individualmente) e das publicacións nos medios sociais só se empregarán cos obxectivos do evento, de acordo co Reglamento (UE) 2016/679 do Parlemento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas respecto ao tratamento de datos de carácter persoal e à libre circulación destes datos, que deroga a Directiva 95/46/CE (reglamento xeral sobre a protección de datos, OJ L 119, 4.5.2016, p. 1–88). Máis información: protección de datos na Universidade de Vigopolítica de confidencialidade de Strava; política de confidencialidade de Twitter; política de uso de datos en Facebook e Instagram.

Empregaranse os meus datos en Strava?

Se te unes ao club Europe Day ATHENATHON en Strava, aceptas que o administrador do club (a Universidade Europea ATHENA) rexistre o tipo de actividade que realizaches e engada os quilómetros percorridos ao reconto global ATHENATHON. A Universidade Europea ATHENA non empregará nin o teu nome nin a túa localización ou calquera outra información xeográfica.

Que uso se lles dará ás fotos ou ás capturas de pantalla publicadas en Twitter, Facebook ou Instagram? 

Se publicas fotos nas redes indicadas, elixes facelas públicas. Estas fotos non poden incluír outras persoas sen o seu consentimento. A Universidade Europea ATHENA non empregará ningunha foto sen a túa autorización.

Como ocultar o teu enderezo nunha aplicación deportiva con GPS ?

Cómpre que saibas que, se publicas o teu itinerario, te arriscas a compartir o teu lugar de residencia con outras persoas usuarias. Para evitalo, podes comezar a rexistrar o teu traxecto a algúns quilómetros da túa casa ou empregar as medidas de confidencialidade propostas pola túa aplicación (por exemplo: Strava Privacy Zones). 

Podo empregar Strava sen pagar unha subscrición?

En función do país no que te atopas, Strava proponte varias opcións. Podes elixir a opción «subsrición de balde» na aplicación (nese caso, non selecciones nin a subscrición nin a proba dun mes). Sempre existe a posibilidade de unirte ao club e seguir as túas actividades cotiás ou Strava pode ofrecerche unha proba gratuita dun mes que poderás anular en calquera momento; non obstante, nese caso, Strava pode pedirche os teus datos bancarios para crear unha conta. Se non queres pagar unha subscrición, asegúrate de anular ou suprimir a túa conta antes da fin do período de proba.

Uso a aplicación Strava cando camiño pero non vexo o meu resultado na clasificación. 

Desafortunadamente, Strava só amosa na súa clasificación as distancias percorridas correndo ou nadando. Non obstante, podes ver a túa publicación na pestana «actividade recente». Incluiranse os quilómetros que fagas aínda que non aparezan na clasificación. En caso de problemas técnicos, non dubides en consultar o sitio www.support.strava.com.

A miña conta Facebook ou Instagram é privada, como se van ver as miñas publicacións e como se engadirán os meus quilómetros?

Respectamos a túa privacidade. En Facebook, podes modificar os parámetros dunha publicación para facela pública. Se non, non poderemos vela. Só podemos ver as contas públicas de Instagram.

Pódese participar varias veces?

Claro que si! Podes participar todas as veces que queiras entre o 9 de maio e o 9 de xuño de 2023.

Só quero facer un quilómetro, aínda así podo unirme ao evento?

Podes unirte, si. O noso obxectivo é acadar os 13 000 km polo que calquera contribución é benvida! 

Pódese participar desde fóra de Europa? 

Si, pódese! Para participar, só cómpre indicar o número de quilómetros percorridos en Twitter, Facebook ou Instagram cun dos hashtags oficiais (# move4athena ou #athenathon) e unha captura de pantalla da túa aplicación deportiva como proba. Tamén podes participar uníndote ao noso club Strava: Europe Day ATHENATHON. 

Practico un deporte que non se menciona na web do evento, podo participar igualmente no ATHENATHON?

Se o deporte que practicas é sostible, incluiremos os teus quilómetros. Lembra facer unha foto para amosarnos a túa actividade!


O Día de Europa

O Día de Europa conmemórase o 9 de maio de cada ano para celebrar a paz e a unidade en Europa. A data marca o aniversario da histórica "Declaración Schuman", un discurso pronunciado por Robert Schuman en París en 1950 no que presentou a súa idea dunha nova forma de cooperación política en Europa. A proposta de Schuman considérase o comezo do que hoxe é a Unión Europea.


ATHENA

A UVigo é unha das nove institucións universitarias que integran a alianza ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance), un dos proxectos piloto de universidades europeas seleccionados pola Comisión Europea en 2020.

ATHENA céntrase na transformación dixital das sociedades e busca crear formacións internacionalizadas, abrir a mobilidade internacional ao maior número posible de estudantes, favorecer a execución de proxectos de investigación e de desenvolvemento colaborativos e abrir novas perspectivas europeas, non só aos máis de 160.000 estudantes e aos 15.000 traballadores e traballadoras da alianza, senón tamén ás comunidades locais e ás entidades socias.

Ademais da Universidade de Vigo, o consorcio, coordinado polo Instituto Politécnico do Porto (Portugal), está integrado polas seguintes institucións académicas: Université d'Orléans (Francia), Universität Siegen (Alemaña), Univerza v Mariboru (Eslovenia), Vilnius Tech (Lituania), Università Niccolò Cusano (Italia), Ελληνικό Μεσογειακό Πανεπιστήμιο-Universidade Helénica do Mediterráneo (Grecia) e Uniwersytet Marii Curie-Skłodowskiej w Lublinie (Polonia). 

Na web do consorcio poderás coñecer as oportunidades que ATHENA lles ofrece a todas as persoas que forman a comunidade universitaria.

Web de ATHENA

 

Más información:

Oficina ATHENA
Programa de Universidades Europeas
Edificio Filomena Dato
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
athena-office@uvigo.gal

Instagram  youtube  ​​​Linkedin