UNIVERSIDADE EUROPEA ATHENA

Feira de mobilidade de ATHENA

2 de marzo de 2023

UVigo - Internacional 16/02/2023

Es estudante de grao, mestrado ou doutoramento e gustaríache saber máis sobre as oportunidades de mobilidade que che ofrece a Universidade Europea ATHENA? Se a resposta é si, convidámoste á Feira de mobilidade de ATHENA o vindeiro xoves 2 de marzo, de 12:30 a 14:00 h.

Neste evento en liña poderás coñecer estudantes e antigos alumnos e alumnas das universidades asociadas a ATHENA e preguntarlles todo o que sempre quixeches saber.

Tamén terás a oportunidade de informarte sobre as nove universidades que integran ATHENA e sobre toda as vantaxes que lles ofrecen aos estudantes entrantes. 

Sabías que hai máis dun tipo de mobilidade? Aprende máis sobre as novas oportunidades na Feira de mobilidade! 

Como en calquera feira, poderás coñecer todas as universidades e preguntarlles o que desexes. 

Se te quedas ata a fin do evento, poderás levar un premio!

Para participar, cómpre que te inscribas a través do formulario de rexistro. Recibirás a ligazón á Feira de mobilidade de ATHENA dous días antes do evento.

 

Programa

12:30-12:40 h Benvida
12:40-13:45 h Quenda de preguntas e de respostas 
13:45-14:00 h Actividade de peche e sorteo


ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance) é un dos proxectos piloto de universidades europeas seleccionados pola Comisión Europea en 2020. Ademais da Universidade de Vigo, o consorcio, coordinado polo Instituto Politécnico do Porto (Portugal), está integrado polas seguintes institucións académicas: Université d'Orléans (Francia), Universität Siegen (Alemaña), Univerza v Mariboru (Eslovenia), Vilnius Tech (Lituania), Università Niccolò Cusano (Italia), Ελληνικό Μεσογειακό Πανεπιστήμιο-Universidade Helénica do Mediterráneo (Grecia) e Uniwersytet Marii Curie-Skłodowskiej w Lublinie (Polonia). 

ATHENA céntrase na transformación dixital das sociedades e busca crear formacións internacionalizadas, abrir a mobilidade internacional ao maior número posible de estudantes, favorecer a execución de proxectos de investigación e de desenvolvemento colaborativos e abrir novas perspectivas europeas, non só aos máis de 160.000 estudantes e aos 15.000 traballadores e traballadoras da alianza, senón tamén ás comunidades locais e ás entidades socias.

Web de ATHENA

 

Máis información:

Oficina ATHENA
Programa de Universidades Europeas
Edificio Filomena Dato
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
athena-office@uvigo.gal

Instagram  youtube  ​​​Linkedin