Posta en marcha das aulas virtuais de Campus Remoto

UVigo - Comunicación 19/03/2020

Aínda que o previsto era que as aulas xemelgas empezaran a funcionar o vindeiro luns, hoxe todas as aulas solicitadas polos decanatos e as direccións dos centros están xa preparadas e listas para comezar as probas. Creáronse asemade dúas salas de xuntas por centro para realizar xuntanzas.

Lembrámosvos que durante as vindeiras semanas cómpre que o profesorado que queira se vaia familiarizando co seu uso, para o que tamén se crearon catro salas de probas por centro.

A xestión das aulas virtuais, que se configuran como espazos docentes dos centros, levarana os decanatos e as direccións.

Agradecémoslles aos decanos e decanas e aos directores e directoras a súa implicación neste proceso, así como, moi especialmente, ao persoal dos servizos implicados na posta en marcha de todo o entorno da docencia virtual que configura Campus Remoto.

Recordámosvos que en Campus Remoto se integran Faitic, que segue a ser a plataforma de teledocencia de referencia do profesorado da nosa universidade e estas novas aulas virtuais, unha ferramenta que serve de complemento para que o profesorado que así o decida poida utilizala para suplir a ausencia das clases presenciais.

Reiterámosvos que o máis importante ata o período de Semana Santa é a reformulación da actividade docente que se faga en cada materia. Se todo vai ben, seguiremos a traballar cos centros para tomar máis medidas no caso de que o peche se alongue.

Co esforzo de todas e todos seremos quen de salvar o curso académico!