Cooperación e intercambio na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Programa Iacobus

Ata o 9 de decembro

UVigo - Internacional 20/11/2019

O obxectivo principal do programa Iacobus é fomentar a cooperación e o intercambio entre os recursos humanos de universidades, institucións de ensino superior e centros tecnolóxicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal co fin de facilitar a posta en común de actividades formativas, de investigación e de divulgación.

VII Convocatoria de estadías de investigación

Esta convocatoria do programa Iacobus permitirá que o PDI e o PAS das universidades e centros de investigación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal realicen estadías nas institucións participantes no programa co obxectivo de contribuír a fomentar a cooperación entre as institucións de ensino superior de Galicia e do Norte de Portugal.

A elaboración e a presentación das candidaturas efectuarase unicamente a través da plataforma que o programa Iacobus dispón na súa páxina web e, para presentar as súas candidaturas, as persoas deberán darse de alta como usuarias. 

Os anexos I e II para participar na convocatoria ou para recibir participantes de institucións portuguesas deberán ser asinados pola vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval Ruíz, polo que o primeiro parágrafo deberá comezar como se describe a continuación: 

A Universidade de Vigo, representada pola vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalizacion e Cooperación, María Isabel Doval Ruíz, ...

Os ditos anexos enviaranse en formato PDF ao enderezo electrónico vicinternacionalizacion@uvigo.es.

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 9 de decembro de 2019.


II Convocatoria para publicacións científicas

O programa Iacobus, con esta convocatoria, pretende fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica, a través de axudas económicas á publicación de artigos científicos e de investigación (papers) nalgunha
das revistas indexadas no Journal Citation Report (JCR) de Clarivate Analytics e, nas áreas das humanidades, no Scopus®.

Para máis información sobre esta acción, pódese consultar coa Vicerreitoría de Investigación a través do enderezo electrónico vicinv@uvigo.es.

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 9 de decembro de 2019.

 

Máis información:

Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal 
Agrupación Europea de Cooperación Territorial (GNP-AECT) 
Rúa de Eduardo Cabello, Edificio CETMAR, s/n
36208 Vigo
+34 986 135 126
gnpaect@gnpaect.eu
http://www.gnpaect.eu