Proxectos

Proxectos de cooperación

A comunidade universitaria conta co apoio da Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) para o deseño e a implementación de proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Neste sentido, a OPI asesora na busca de convocatorias e axuda na elaboración das solicitudes e na xestión integral dos proxectos.

Máis información

 

Proxectos de aprendizaxe-servizo

A metodoloxía de Aprendizaxe-Servizo (ApS) é unha metodoloxía activa na que o alumnado aprende facendo un servizo á comunidade e adquire as competencias técnicas da titulación e tamén as xenéricas relacionadas co compromiso ético, a responsabilidade social ou o traballo en equipo.


Convocatoria

 

Voluntariado da Axenda 2030: axentes do cambio


Dámosche a benvida ao espazo das axentes do cambio! 

Somos un grupo de voluntariado da Universidade de Vigo formado por persoas dos tres campus con preocupacións comúns: a perda da biodiversidade, a contaminación, a desigualdade, a emerxencia climática, a xustiza social. Estas problemáticas están presentes no noso día a día e é por isto que puxemos en marcha esta iniciativa de concienciación e de cambio.

Somos conscientes de que avanzamos cara a unha situación límite e que é preciso mudar as cousas para garantirmos un futuro xusto e sostible. Na Axenda 2030 atopamos un camiño para facelo posible.

Sabes o que é Axenda 2030? Queres coñecer máis sobre os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS)?

Neste espazo iremos achegando máis información sobre estas cuestións e informando sobre as nosas actividades.

A finalidade das nosas accións é concienciar sobre a importancia dos obxectivos e sobre as distintas formas de contribuírmos para acadalos. 

Contamos contigo!


2022

As axentes do cambio 2021 comparten as súas reflexións arredor da Axenda 2030:

  • «Considero que a Axenda 2030 é un instrumento moi valioso de cara ao compromiso de tódolos países co benestar persoal e planetario. Penso que os 17 obxectivos que se inclúen son verdadeiramente necesarios para a prosperidade. Non obstante, considero que a súa maior limitación é a contradición entre obxectivos, especialmente entre o crecemento económico e as metas ambientais.»
  • «A pandemia da covid-19 supuxo un impedimento no progreso da axenda, pero non debemos de esquecer que o camiño percorrido dende a súa aprobación ata o inicio da pandemia estaba lonxe de cumprir cos obxectivos marcados.»
  • «O feito de que os principais actores e responsables na posta en marcha da Axenda sexan os Estados contrasta coa realidade multilateralista da gobernanza internacional. A axenda mundial de desenvolvemento abrangue infinitos axentes sociais  -públicos e privados- que xa non poden ser aglutinados baixo o paraugas do estado-nación. Isto dificulta a depuración de responsabilidades de actores tan importantes en materia de desenvolvemento como son as grandes multinacionais, e cuxas actividades producen as condicións que a Axenda 2030 pretende erradicar.»
  • «Somos nós mesmas quen debemos comezar a tomar accións que teñan un impacto positivo na sociedade, aínda que sexa con pequenos pasos que podemos ir dando dende as escolas, as universidades ou as nosas casas.»

Ven coñecernos!

As axentes do cambio visitaremos os tres campus da universidade para informar sobre a Axenda 2030. Poderás coñecer moito máis sobre a Axenda 2030, os obxectivos de desenvolvemento sostible, a sustentabilidade cos xogos e dinámicas e concursos que organizaremos.

  • Campus de Vigo
    27 de abril de 2022
    Na cafetaría do edificio de Ciencias Experimentais 
  • Campus de Ourense
    4 de maio de 2022
    Entre o edificio de Ferro e a Facultade de Ciencias
  • Campus de Pontevedra
    11 de maio de 2022, ás 11.30 h
    Diante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Os pasados mércores 27 de abril, 4 e 11 de maio de 2022, nós, as axentes do cambio, organizamos as accións de voluntariado.

Xuntámonos e preparamos as mesas informativas co obxectivo de achegarlle ao estudantado, ao profesorado e ao persoal de administración e servizos información sobre a Axenda 2030.

Para conseguilo, realizamos diversas actividades como cuestionarios e xogos, como o kahoot. A través destas accións, as persoas participantes podían observar se levaban a cabo hábitos sostibles e, desta forma, tamén conseguimos poñer en práctica a teoría da Axenda 2030 que, como todos e todas xa sabemos, é moi ambiciosa. Por outro lado, as persoas que se achegasen podían optar por escribir  unha opinión ou unha reflexión persoal respecto da acción da Universidade de Vigo en relación coa axenda e de se cren que é necesario algún cambio. Así mesmo, preparamos varios sorteos co fin de motivar a participación. 

Como persoas voluntarias quedamos encantadas coa participación do estudantado e coa sensación de que este marchou cunha idea máis clara e sobre todo positiva da Axenda 2030 e dos seus obxectivos. 

  • A maioría do estudantado enquisado respondeu que non coñecía a Axenda 2030 e os ODS ou que a coñecían pero non en profundidade. 
  • Parece que o estudantado en xeral (principalmente do ámbito científico) está interesado en recibir formación sobre a Axenda 2030; gustaríalle recibila de maneira extracurricular con recoñecemento de créditos, aínda que tamén con certa mención durante a súa titulación; indica que non só está interesado, se non que cre que é necesaria esta formación. 
  • A difusión da información, cursos e voluntariados sobre esta temática non lle chega ao alumnado. Sería xenial atopar alternativas á páxina web da universidade para que esta información lle chegue. 
  • A pesar de que os ODS da Axenda 2030 son coñecidos por moito alumnado e profesorado, podemos observar nesta enquisa que realmente só se sabe duns poucos. Entre eles se encontra o ODS 13 de "Acción polo clima"; é evidente que a crise climática está no punto de mira e que, por ese motivo, este obxectivo posúe unha maior difusión, a través da televisión por exemplo, ou incluso nos envases que collemos no supermercado. Non obstante, outro obxectivo moi importante pero que non recibiu ningún voto foi o ODS 6 relacionado coa auga limpa e o saneamento. Un dos datos máis relevantes é a porcentaxe de auga potable que existe no nosos planeta (0,025 %), un dato que sen dúbida deixa a todos impactados e que, por falta de información, non posúe a importancia que merece.


2021

Hai moitos, moitos anos, as mulleres e os homes, como sabedes, poboaron a terra. Primeiro, desprazábanse a pé, alimentábanse do que a terra lles proporcionaba e convivían coas plantas e cos animais. Máis adiante, comezaron a construír casas onde poder vivir, desprazábanse en medios de transporte como o coche ou o tren e araban grandes campos de terra para plantar a súa comida e coidaban do gando. Finalmente, a poboación medrou, necesitaban máis terreos para poder construír edificios, fábricas, máis medios de transporte como avións e grandes supermercados onde poder vender os alimentos que antigamente plantaban e, como consecuencia, os bosques estaban desaparecendo.

Todo este cambio, supuxo un gran avance para a sociedade, tanto económica como socialmente, pero á natureza non lle sentaba ben e estaba enfermando porque a natureza bebe dos ríos que flúen polos nosas montañas e respira o aire puro que lle dan as árbores e estaba a ser contaminado por mor das mulleres e homes que estaban na terra.
Ademais disto, o cambio social non era bo para todos, había xente moi moi rica que podía ter moitas cousas, pero había outra que non podían ter tantas, incluso había nenos e nenas que nin sequera podían ir á escola.

Actualmente, seguimos vivindo esa enfermidade que ten a natureza e entre todo o mundo decidiuse implementar algo chamado "Axenda 2030" e é algo así como se cada país tivese unha axenda, como a da escola, pero que todas eles teñan algo en común: querer axudar ás persoas, ao planeta e á prosperidade, conseguindo que haxa moita paz e xustiza no mundo e todo isto imos intentalo de aquí a 15 anos. E o máis importante é que imos axudar ás persoas máis necesitadas para que non haxa xente moi rica ou moi pobre, senón que todo o mundo poidamos ter os mesmos dereitos sen importar como sexamos.

Para facelo máis doado, esta axenda contén 17 obxectivos e cada estado escollerá os obxectivos que quere tratar de cumprir. Estes obxectivos son moi especiais xa que axudan a sociedade, é dicir, a nós, a economía, para que poidamos seguir mercando e vendendo cousas e, sobre todo, ao medio ambiente, para que as plantas e os animais poidan ser felices.

E preguntarédesvos, é obrigatorio aceptar esta axenda? Non, non o é, é totalmente voluntario que queiras collela ou non, pero dende o meu punto de vista, creo que se anotamos todos os deberes e exames que poidades ter, é máis doado que fagades un horario e aprobar máis facilmente, polo  que, se os estados a aceptan, será moito máis doado volver a facer o mundo un pouco máis feliz.

Flavia Barro Otero

O ODS 3 «Saúde e benestar» quere poder garantir unha vida saudable universalmente.

Non hai mellor ano que este para falar deste ODS, xa que todos nós nos enfrontamos a unha crise sanitaria, a cal puido dar lugar a que moitos nos fixésemos  pequenas preguntas, como por exemplo: temos suficientes recursos en sanidade en todo o mundo? Investimos o suficiente neste ámbito? Teñen os traballadores e as traballadoras unhas condicións laborais dignas?

Para lograr un desenvolvemento sostible é fundamental garantir unha vida saudable e promover o benestar para todos e todas a calquera idade. Nestes anos fixéronse grandes avances relacionados coa esperanza de vida das persoas, así como na redución de algunhas das causas de morte máis comúns ligadas coa mortalidade infantil e materna. O certo é que esta pandemia supuxo unha crise económica en todo o mundo, pero o seu impacto foi maior naquelas comunidades que xa se atopaban nunha situación de vulnerabilidade e que, polo tanto, teñen menos posibilidades de acceder a servizos de saúde pública e de calidade. Isto deixou ver as carencias existentes no eido da sanidade en todo o mundo.

Se ben é verdade que este ano a covid-19 foi o principal foco de atención, non hai que esquecer que aínda existen moitas outras enfermidades transmisibles (VIH, malaria, tuberculose…) con un alto índice de mortalidade que acaban por custarlle a vida de milleiros de persoas en todo o mundo cada ano, sobre todo nos países do sur. 

Como puidemos ver con esta pandemia, é esencial contar con profesionais preparados e sistemas sanitarios sólidos, así como cunha sociedade consciente dos problemas, responsable e educada sobre eles. Para isto é necesario apoiar e investir na educación e na investigación, así como nunha sanidade universal e de calidade. Tal cousa axudará a erradicar pouco a pouco os problemas desta índole, a reducir os riscos e a detectar de maneira temperá posibles perigos ou ameazas contra a saúde humana. Da mesma maneira, unha mellor educación e financiación do sector sanitario e da investigación contribuirá á posibilidade de atopar solucións a problemas actuais e futuros relacionados con este ámbito.

Despois de todo, e como sempre se di, ter saúde é o máis importante.
 

Obxectivo de desenvolvemento sostible 3 "saúde e benestar"

 

 

Esta semana convidamos o estudantado, o PAS e o PDI a participar na nosa enquisa sobre a Axenda 2030.

Para recibir a enquisa, podedes escribirnos un correo electrónico a axentesdocambio@somosterra.gal e envíarémosvos a ligazón.

O grupo de voluntariado de axentes do cambio agradecémosvos de antemán a vosa colaboración. 

No marco do voluntariado dos Axentes do Cambio, realizamos unha serie de enquisas co obxectivo de saber cal é o coñecemento que ten a comunidade universitaria da Axenda 2030, así como de recoller a súa opinión respecto de diversas propostas e de coñecer as inquedanzas que existen na Universidade de Vigo.

Elaboramos dúas enquisas diferentes, unha destinada ao estudantado e outra ao PAS e ao PDI. As respostas obtidas permitíronos extraer unha serie de reflexións. A continuación, deixámosvos un resumo dos datos obtidos:

Enquisa ao PAS e ao PDI

No que respecta ao coñecemento da Axenda 2030 e aos ODS recollimos as seguintes consideracións: 

  • A maior parte do PDI que participou na enquisa pertence á área de ciencias xurídicas.
  • O 94 % das persoas enquisadas consideran relevante que o persoal da universidade reciba formación relacionada coa Axenda 2030.
  • A maioría considera importantes todos os ODS da Axenda, pero tamén houbo quen destacou especialmente a importancia dalgúns ODS como: 2, 3, 4, 6 e 10
  • Pola contra, os ODS (9, 11, 14, 15 e 17) foron algúns dos menos destacados polas persoas participantes.

Por outra banda, tamén recompilamos información ao respecto dos intereses destas persoas á hora de realizar actividades relacionadas coa Axenda 2030 e formularmos unha serie de propostas para coñecer a opinión da comunidade universitaria.

  • A igualdade foi un dos temas máis demandados para facer traballo relacionado coa Axenda 2030, nas súas diferentes vertentes.
  • O 75 % das persoas enquisadas considera necesario dotar ás cafeterías universitarias dunha opción vexetariana/vegana.
  • O 58 % vía necesaria a creación de áreas de descanso, mentres que un 19 % definía as zonas xa existentes como pouco funcionais.
  • O 60 % empregaría composteiros de os houber no seu centro.

Ademais, recollimos varias demandas de melloras en distintos eidos: emprego de bicis, máis papeleiras de reciclaxe, calculadora de pegada de carbono, papel reciclado, transporte verde entre oa distintos campus, mellora da eficiencia enerxética…

Enquisa ao estudantado

No ámbito xeral, a maior parte do alumnado que participou na enquisa cursa estudos do ámbito científico ou empresarial e estuda principalmente no campus de Vigo (51 % das persoas enquisadas).

En canto ao coñecemento e á valoración da Axenda 2030 vemos que:

  • O 61 % das persoas enquisadas non coñece a Axenda 2030.
  • Pola contra, o 54 % coñecen os obxectivos de desenvolvemento sostible.
  • Os ODS 2, 3, 4, 5, 13 foron algúns dos máis marcados como prioritarios.

Ademais, o 91 % considera importante que a Universidade de Vigo informe sobre os ODS e anime a participar a comunidade neste tema, mentres que o 68 % amosa interese por participar en cursos, voluntariados e enquisas. Algunhas das accións que suxeriron as persoas enquisadas estaban relacionadas con: a igualdade de xénero, as cuestións ambientais, a acción polo clima, a saúde e as enfermidades, a fame cero ou a economía circular. Todo isto sinala un compromiso do estudantatado coas cuestións que se traballan desde a Axenda 2030.

En canto á valoración das propostas de acción que formulabamos desde os Axentes do Cambio:

  • O 83 % ve necesario que as cafeterías da UVigo oferten menús ou alternativas vexetarianas/veganas.
  • Ao 60 % gustaríalle contar con zonas de descanso en cada facultade ou ben considera que as que xa existen son mellorables (31 % das respostas).
  • O 78 % afirma que usaría un composteiro de habelo no seu centro.

Por último, preguntámoslle ao estudantado por aquelas melloras que vían necesarias na universidade. Obtivemos respostas moi variadas que lle trasladaremos á universidade para que se teñan en conta. Algunhas facían referencia a cuestións básicas no que respecta á calidade do ensino: instalacións axeitadas, espazos de estudo para facer traballos en grupo, a posibilidade de ter clases en liña ou outros aspectos semellantes.

Tamén destacaban cuestións como a mellora da información proporciona aos estudantado ou a existencia de máis saídas e charlas. Vimos ademais que existía unha preocupación por temas como: programas para compartir o coche, uso de materiais reciclados, mellora da eficiencia enerxética ou mellorar o transporte.

Conclusións

Podemos concluír polo tanto que existe un interese na comunidade universitaria polo que representa a Axenda 2030, mais tamén existe un fondo descoñecemento. As persoas enquisadas piden máis información e confirman que existe unha demanda en canto a cuestións como unha xestión diferente dos residuos, a existencia de menús veganos/vexetarianos e baseados nos produtos de proximidade e novas zonas de descanso. 

Está na nosas man converter estas propostas nunha realidade posible!
 


Outros proxectos

No campus de Vigo contamos cunha horta ecolóxica comunitaria impulsada pola Asociación Amigos da Terra en colaboración coa Universidade de Vigo. Trátase dun espazo aberto a calquera persoa que queira cultivar os seus propios alimentos de xeito respectuoso co medio ambiente e formando parte dun grupo autoxestionado. 

 

Máis información:

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
direc.equidade@uvigo.gal