Axenda 2030

26 de marzo, Día Mundial da Acción polo Clima

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 / Universidade 25/03/2019

O obxectivo 13 de desenvolvemento sostible (ODS 13) da Axenda 2030 insta a adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos. O 26 de marzo, Día Mundial da Acción polo Clima, pode ser o pretexto perfecto para que cambiemos os nosos hábitos e contribuamos a reverter o proceso. 

Todo o planeta está a experimentar as tremendas consecuencias do cambio climático, xa sexa polas perdas agrícolas causadas polo adianto ou atraso das estacións, como polo aumento da frecuencia de desastres naturais como tsunamis, ciclóns, inundacións, etc. Ademais, estas consecuencias levan consigo unha perda económica de centos de millóns de euros. 

Estímase que as actividades humanas dende a era preindustrial ata hoxe causaron un quecemento global de 1 ºC. Para limitalo a 1,5 ºC ata 2050, as emisións de CO2 deberían diminuír nun 45 % entre 2010 e 2030. 

Debido ao incremento da temperatura, estase a producir desxeo nos polos, o que levou a que o nivel do mar aumentase 20 cm dende 1880. Prevese un aumento de 30-122 cm para 2100. 

Non está unicamente nas mans da clase política frear o cambio climático, ti podes contribuír a frealo. Ti podes ser o/a axente do cambio. Como?

  • Usa menos o teu coche: utiliza sempre que poidas medios de transporte sostibles, como a bicicleta; se non podes, tenta empregar o transporte público. Segundo a Axencia Medioambiental Europea (EEA), a opción de transporte público que menos CO2 emite por pasaxeiro e km é o tren, seguido do autobús e, por último, o avión. 
  • Aforra enerxía: canta menos enerxía consumas, menos CO2 estarás emitindo. Non deixes os electrodomésticos en stand by, axusta o termóstato e fíxate ben nas etiquetas antes de mercar un novo aparello electrónico. 
  • Reduce o teu consumo en xeral: esta é a máis importante das tres R. Reutiliza ao máximo, aproveitando os mercados de segunda man tanto para vender como para mercar. E, por último, recicla todos os residuos que poidas! 
  • Na túa dieta, reduce o consumo de carne: a gandería é unha importante fonte de CO2 que contribúe ao efecto invernadoiro. Intenta consumir produtos quilómetro cero e de tempada, para evitar as emisións por transporte. E, sobre todo, evita os produtos envasados para reducir o uso de plásticos. 
  • Axuda á recuperación de bosques: son os pulmóns do noso planeta e hai moitas asociacións e colectivos que buscan repoboar os nosos montes con especies autóctonas. 

Para máis información:

Oficina de Medio Ambiente (OMA)
+34 986 813 883 
oma2@uvigo.es

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es