Día dos Dereitos Humanos

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 09/12/2019

O día 10 de decembro de 1948, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos como un «ideal común polo que todos os pobos e nacións deben esforzarse». 

Para rememorar este día, desde 1950 a ONU invita a todos os Estados a que dediquen todos os 10 de decembro a celebrar a adopción da Declaración e a lembrar todos os logros e avances acadados en materia de dereitos humanos, salientando, ao mesmo tempo, os retos e vulneracións que a día de hoxe seguen producíndose.

O espírito de paz, seguridade e progreso de 1948 recupérase no ano 2015 coa aprobación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. Os 17 ODS constitúen as bases dun novo contrato social para cumprir ou reforzar os trinta dereitos básicos definidos na Declaración. 

Desde a Universidade de Vigo, unímonos a esta celebración vencellando a loita pola defensa dos dereitos humanos co ODS 16, posto que, tal e como manifesta a ONU, «sen paz, estabilidade, dereitos humanos e gobernabilidade efectiva baseada no Estado de Dereito, non é posible acadar o desenvolvemento sostible».

 

Máis información:

Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal