Axenda 2030

Día da Diversidade Biolóxica

22 de maio

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 21/05/2019

O termo «biodiversidade» ou «diversidade biolóxica» fai referencia, segundo o Convenio Internacional sobre a Diversidade Biolóxica, á ampla variedade de seres vivos no conxunto da biosfera e aos procesos naturais que a conforman, resultado de miles de millóns de anos de evolución.

A biodiversidade é imprescindible para o mantemento de servizos ecosistémicos como é o caso da polinización, a conservación de solos e auga saudable, o control de pragas, a conservación de hábitats para a vida salvaxe, etc.

O primeiro informe mundial sobre o estado da biodiversidade, The State of the World’s Biodiversity for Food and Agriculture (FAO, 2019), presenta probas crecentes e preocupantes de que a biodiversidade que sustenta os nosos sistemas alimentarios está desaparecendo. A conclusión é clara: o futuro dos nosos alimentos, a nosa saúde e o medio ambiente están en grave perigo.

O 22 de maio celébrase o  Día Internacional da Diversidade Biolóxica para chamar a atención sobre a biodiversidade como base principal da nosa alimentación e saúde e como catalizador chave para transformar os sistemas alimentarios e mellorar o benestar humano.

A biodiversidade é indispensable para a seguridade alimentaria e para o desenvolvemento sostible que preconiza a Axenda 2030. Está directamente relacionada co ODS 2 (fame cero), o ODS 14  (vida submarina) e o ODS 15 (vida e ecosistemas terrestres). Non obstante, dado o seu carácter transversal, os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible están estreitamente vencellados coa conservación da biodiversidade.

Que podemos facer para contribuír á conservación da biodiversidade?

Máis aló das iniciativas dos organismos públicos, cada un de nós podemos contribuír á biodiversidade do planeta con pequenos xestos. Recomendámosche que na túa práctica diaria...

  • Reduzas o consumo de carne.
  • Merques alimentos estacionais e de proximidade.
  • Reduzas o desperdicio de alimentos e compostes os seus restos.
  • Evites os plásticos de uso único empregando bolsas reutilizables ou reutilizando frascos ou recipientes de vidro.
  • Promovas a biodiversidade dos agrosistemas consumindo variedades de cultivos locais.

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal