Día Europeo das Persoas sen Teito 2021

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 22/11/2021

Desde o ano 2010 e grazas á Federación de Entidades de Apoio ás Persoas Sen Fogar, o día 23 de novembro celébrase o Día Europeo das Persoas sen Teito. 

Esta data ten como obxectivo dar visibilidade e concienciar a sociedade das condicións de extrema pobreza e de exclusión social nas que viven as persoas sen fogar. Nesta situación de pobreza extrema, podería encontrarse calquera persoa, xa que esta non distingue de idade, sexo, raza ou relixión. En Europa, en torno a 400.000 persoas non teñen un fogar; segundo se detalla na Avaliación intermedia da estratexia nacional integral para persoas sen fogar (2015-2020) publicada en 2019, 33.275 destas persoas viven en España. Non obstante, conforme ao último censo de vivenda do INE, no noso país contamos con máis de tres millóns e medio de vivendas baleiras, das cales 13.504 son vivendas protexidas das Administracións Públicas. Desde a dirección de FACIAM informan que o número de persoas sen teito aumentou considerablemente desde o inicio da pandemia, o que corrobora que esta situación non soamente é moi actual, senón que aumenta cada día. 

O dereito a unha vivenda digna na Axenda 2030

Esta causa enmárcase dentro dos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), concretamente coa meta 11.1 que avoga por garantir de aquí a 2030 o acceso de todas as persoas a vivendas e a servizos básicos axeitados, seguros e asumibles. Ademais a pobreza trátase no obxectivo 1 da axenda que procura erradicar a pobreza extrema para todas as persoas do mundo, así como no obxectivo 10 que ten como finalidade a redución das desigualdades.

Que podemos facer desde a comunidade universitaria?

Desde a Universidade de Vigo animamos a toda a comunidade universitaria a coñecer o traballo das entidades sociais da nosa contorna a prol dos dereitos das persoas empobrecidas e sen teito como é o caso dos Ninguéns (Premio UVigo_Humana  2019), así como a participar nos programas de voluntariado que se  están a realizar en cooperación con Cruz Vermella (voluntariado persoas sen fogar) e coa Fundación Cume para o desenvolvemento de culturas e pobos (voluntariado son visibles).

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es