Día Internacional da Educación 2022

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 24/01/2022

Desde que no ano 2018 a ONU proclamou o 24 de xaneiro como o Día Internacional da Educación, nesta data reivindicamos a súa importancia para construírmos unha sociedade máis xusta, igualitaria e autosuficiente. 

«Cambiar o rumbo, transformar a educación» é o lema escollido para a súa cuarta celebración. Con el, convídasenos a reflexionar sobre os cambios que precisamos emprender para achegarnos a materializar o propósito do cuarto obxectivo de desenvolvemento sostible (ODS 4): «unha educación de calidade e universal.»

Con motivo desta data, a directora xeral da Unesco, Audrey Azoulay, vén de expresar a súa gran preocupación pola insuficiencia dos esforzos dirixidos a garantir o acceso á educación e responsabilizou deste fracaso a obsolescencia das estratexias pasadas. Nun contexto no que a pandemia da covid-19 non fixo máis que agravar unha crise educativa que impide asistir á escola a 260 millóns de criaturas (a maioría nenas), a directora xeral chama a explorar as posibilidades do mundo dixital para favorecer unha maior inclusión e equidade. Así, perante a crítica situación do planeta, salienta a necesidade de forxar un novo contrato educativo que integre a perspectiva do desenvolvemento sostible, en particular, a través da inclusión da educación ambiental nos plans de estudo.

O carácter transversal da educación reflíctese na repercusión que ten en todos os obxectivos de desenvolvemento sostible, entre os que se poden destacar: por suposto, o propio ODS 4 «Educación de calidade”, o ODS 1 «Fin da pobreza», o ODS 5 «Igualdade de xénero», o ODS 10 «Redución das desigualdades» e pola súa especial importancia na actualidade, de acordo coa directora xeral da Unesco o ODS 13 «Acción polo clima».

Desde a Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Cooperación unímonos a esta celebración e resaltamos a importancia de fortalecer o sistema de educación pública co obxecto de lograr o compromiso recollido na Axenda 2030 de «non deixar a ninguén atrás».

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal